Pasar al contenido principal

A USC afianza a súa aposta polo persoal

Xuntanza do Consello de Goberno no CEA. Foto: Santi Alvite
A xuntanza celebrouse no CEA combinando a asistencia presencial e en remoto por videoconferencia. Foto: Santi Alvite
A creación da carreira investigadora, o acordo para abordar a situación do persoal investigador e de apoio á investigación, a aprobación dunha Oferta de Emprego Público de 213 prazas e diversas modificacións da Relación de Postos de Traballo centraron o debate da última sesión do Consello de Goberno
Lugo, Santiago de Compostela

“O persoal da USC constitúe un dos seus activos esenciais e a súa principal fortaleza”. Este lema do goberno da USC presente na Programación Plurianual 2019-2022 protagonizou a sesión ordinaria do Consello de Goberno da Universidade coa  aprobación con respaldo maioritario de distintos puntos en materia de persoal de administración e servizos, docente e investigador que poñen a énfase na reorganización dos recursos humanos, con especial atención aos capítulos de investigación, internacionalización e, de xeito transversal, ao tecnolóxico para propiciar o mellor aproveitamento das novas tecnoloxías aplicadas á docencia e á investigación.

En conxunto, co obxecto de minorar o impacto económico da pandemia asociada á COVID-19, o goberno da USC traballa na definición dun escenario que aposta polos recursos humanos da institución a través da estabilización e a promoción e planificando unha correcta distribución de gastos que evite incidir no capítulo de persoal. Neste senso, o Consello aprobou a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Persoal de Administración e Servizos (PAS) así como a Oferta de Emprego Público (OEP) deste colectivo para 2020, esta última aprobada de xeito unánime. A OEP oferta un total de 213 prazas entre as de nova creación, postos adicionais de estabilización, consolidación de persoal indefinido non fixo por sentenza e unha oferta específica de promoción interna independente.
 
A nova RPT avanza na definición dunha estrutura que permitirá unha mellor organización dos recursos humanos adecuada á prestación de novas funcións e ao recoñecemento da carreira profesional. En próximas negociacións seguirase traballando na busca de medidas que faciliten a promoción de persoal permanente e a reorganización e redistribución de efectivos  para  “crear  unha  estrutura  máis  áxil  e  de  maior  cualificación  que  dea  respostas  aos  retos  que  a USC abordará nos próximos anos”.

Persoal investigador e de apoio á investigación: a creación da carreira investigadora

Ademais, o Consello aprobou tamén con respaldo maioritario o acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación, un “paso firme” no relativo á equiparación deste colectivo coas condicións establecidas no convenio colectivo para persoal laboral de administración e servizos da USC. A de Santiago convértese nunha das primeiras universidades do Estado que afronta a situación deste colectivo achegando unha proposta máis alá do marco normativo xeral que vén regular a actual situación e que está aberta a futuros desenvolvementos para ampliar as cuestións recollidas no acordo aprobado. É este un paso moi importante para a institución xa que a Universidade compostelá xestiona máis da metade dos recursos destinados a investigación no eido do Sistema Universitario Galego.

Foi no Claustro universitario onde, por primeira vez, este proxecto colleu visos de realidade ao ser aprobado como un dos eixos fundamentais da Programación Plurianual da USC. Este acordo é froito de meses de diálogo intenso cos colectivos de afectados así coma coas forzas sindicais que, cun apoio maioritario, fixeron posible que a Universidade afronte un problema que afecta a máis de 1.200 persoas de maneira directa.

A USC aposta, deste xeito, pola creación da carreira investigadora, unha vía coa que se pretenden achegar novas oportunidades no eido da captación de talento ao tempo que se crea unha canle estable de promoción ao importante volume de persoal investigador co que conta a institución. Dende 2017 a USC está recoñecida pola Comisión Europea coa acreditación HR Excellence in Research, superando o pasado ano a revisión de seguimento desta acreditación que certifica o apoio á xeración dunhas condicións de traballo favorables e un ambiente motivador así como o compromiso de desenvolver unha carreira investigadora homologables cos estándares europeos.

Grao en Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira

O Consello aprobou tamén a proposta de memoria do Grao en Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira, nova titulación impulsada conxuntamente co Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG). Este grao comezaría a impartirse no ano académico 2021-2022 cunha oferta de 70 prazas en cada un dos seus catro anos de duración e un total de 240 créditos ECTS. Este título ten como obxectivo a formación de profesionais que sexan capaces de desempeñar tarefas de  xestión e dirección nas organizacións empresariais gastronómicas, con orientación marcadamente innovadora; e hostaleiras, desenvolvendo habilidades de liderado e con alta capacidade de adaptación permanente.

Regulamento de Administración Electrónica

Mellorar a relación da Universidade coa sociedade en termos de xestión e procedemento administrativo. A aprobación do Regulamento de Administración Electrónica da USC avanza na consecución deste obxectivo e unifica as diversas normativas formuladas ata o momento para a posta en marcha da administración electrónica na USC. A medida permite achegar á sociedade unha ventá aberta todo o ano, vinte e catro horas ao día, a través da sede electrónica da USC, e rexida polos principios de transparencia, publicidade, responsabilidade, calidade, seguridade, dispoñibilidade, accesibilidade, neutralidade e interoperabilidade.

Outros asuntos

As propostas de creación e prórrogas de profesorado emérito e profesorado e persoal investigador ad honorem, o regulamento de Estudos de Doutoramento ou o de dereitos, obrigas e rexistro de intereses dos altos cargos da USC ou diversas cuestións en materia de planificación de PDI, son outros dos asuntos tratados este venres no Consello de Goberno.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.05.2023.