Últimas prazas dispoñibles para participar na quinta quenda do Verán CampUSC 2020

Verán CampUSC 2020, a iniciativa organizada pola Fundación Universidade de Santiago de Compostela e que ten o obxectivo de conciliar a vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC coma do público xeral, remata o vindeiro 9 de setembro, ao finalizar a quinta quenda deste ano. A edición rexistrou polo de agora un total de 368 inscricións divididas nas cinco quendas nas que se estrutura o programa, e aínda é posible anotarse para a última.
O Verán CampUSC 2020 está dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 17 anos e estruturado en cinco quendas dotadas con 120 prazas cada unha. O programa desenvólvese de luns a venres, agás festivos, de 08.45 a 14.45 horas, polo que a responsabilidade do control e coidado dos participantes polos monitores e monitoras responsables comprenderá esa franxa horaria. Ao alumnado asígnaselle un monitor ou monitora responsable de cada grupo, que vela polo respecto das medidas de distanciamento interpersoal e por evitar aglomeracións.
Rocío Bulnes, coordinadora do programa, destaca que esta foi unha edición moi diferente ás anteriores, con “grupos moi reducidos, actividades con moi pouco contacto e obradoiros sobre hixiene relacionada coa COVID-19, pero os rapaces e rapazas están pasándoo moi ben”. De feito, a maior parte das inscricións que chegan a última hora “son de nenos e nenas que queren continuar algunha quenda máis das que tiñan previsto inicialmente”, engadiu.

Protagonismo da actividade físco-deportiva