Pasar al contenido principal

María Loureiro, premio ao mellor artigo da Asociación Hispano-Portuguesa de Economía dos Recursos Naturais e Ambientais

María Loureiro é profesora do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC
María Loureiro é profesora do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC
A profesora da USC asina xunto a Xavier Labandeira da UVigo esta investigación sobre a preocupación crecente do sector comercial con respecto á optimización do uso de enerxía e eficiencia enerxética
Santiago de Compostela

O artigo titulado ‘Exploring energy use in retail stores: a field experiment’ asinado pola catedrática da USC Maria Loureiro xunto a Xavier Labandeira da UVigo, vén de ser escollido pola Asociación Hispano-Portuguesa de Economía dos Recursos Naturais e Ambientais (AERNA) como o mellor artigo científico publicado nos anos 2018 e 2019. A investigación veu a luz na revista Energy Economics.

Dito artigo aborda a preocupación crecente do sector comercial con respecto á optimización do uso de enerxía e eficiencia enerxética. A metodoloxía empregada baséase nun experimento de campo nunha importante multinacional, para testar se a información con respecto ao consumo enerxético proporcionada aos xestores de tendas, pode modificar os seus comportamentos conforme ao consumo e á escolleita de temperatura interna. O experimento foi realizado en 155 tendas de tres países, demostrando que os xestores que reciben o tratamento da información son máis propensos a cambiar o termóstato manualmente para reducir a fenda entre as temperaturas interior e exterior; o que implica un patrón de calefacción e refrixeración máis sostible.

“Para min o premio ao mellor artigo científico do 2019 neste ámbito temático supón un recoñecemento profesional enorme por parte da Asociación Hispano-Portuguesa de Economía Ambiental e dos Recursos Naturais”, explica María Loureiro. “Estou moi agradecida á Asociación por ter escolleito este traballo; pero tamén ao meu co-autor, á empresa colaboradora,  aos compañeiros do meu grupo de investigación ECO-IURUS, e ao resto dos membros da comunidade universitaria que de múltiples xeitos axúdanme a facer o meu traballo”, continúa. “É unha honra recibir este premio”, salientou pola súa parte o profesor Labandeira, porque se trata dun “recoñecemento non buscado”, xa que o artigo “é escollido por unha comisión ad hoc de entre os publicados no último bienio”.

O artigo foi seleccionado polo xurado destes premios como gañador do IV Aerna Award ao mellor artigo científico, dirixido a recoñecer a mellor publicación asinada, nos anos 2018 e 2019, por investigadores e investigadoras que sexan, cando menos no 50% dos casos, membros de Aerna. A revista que acolle o artigo pertence ao primeiro cuartil do Journal Citation Reports cun índice de impacto de 5.2 na actualidade.  

 Currículo

A profesora do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC, Maria Loureiro, foi beneficiaria dunha bolsa de estudos de posgrao da Fundación Caixa Galicia coa que cursou un máster en economía agraria e medioambiental na Universidade de Washington, na que se incorporou como bolseira e onde realizou o doutoramento. En 2000, acadou o grao de doutora coa tese Collective reputation & labeling.

Profesora na Universidade de Colorado entre os anos 2000 e 2003 de materias relacionadas coa economía agraria e medioambiental, realizou ademais unha estadía como profesora visitante na Universidade Carlos III de Madrid. Posteriormente foi nomeada investigadora titular no Instituto Noruego de Investigacións Agrarias (hoxe Instituto Noruegués de Bioeconomía), en Oslo; ata a súa chegada á USC como investigadora Ramón y Cajal.  

Publicou numerosos artigos sobre os recursos agrarios, abordando temas como o sector gandeiro, as enerxías renovables, o agroturismo ou as consecuencias económicas das perdas ambientais causadas polos verquidos do Prestige. A problemática dos recursos en Galicia causados por catástrofes mariñas e por incendios centra o seu traballo. En 2011, logrou unha axuda da Fundación Ramón Areces para realizar unha análise da elección pública e das preferencias sociais sobre políticas de control do cambio climático, en concreto a enerxía verde e os combustibles limpos en España. Dende entón, a súa axenda investigadora recolle a súa inquedanza polo impacto do cambio climático e o deseño de políticas axeitadas de mitigación e adaptación. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.09.2020.