Pasar al contenido principal

O grupo de investigación GAME IDEGA impulsa formación en tecnoloxías blockchain gratuíta e en aberto

Blockchain é unha tecnoloxía que permite a transferencia de datos dixitais cunha codificación moi sofisticada e dunha maneira completamente segura. FOTO: pixabay
Blockchain é unha tecnoloxía que permite a transferencia de datos dixitais cunha codificación moi sofisticada e dunha maneira completamente segura. FOTO: pixabay
A iniciativa enmárcase no proxecto Erasmus + DLT4All que persegue desenvolver un programa de formación pioneiro nas universidades europeas, establecendo sinerxías entre o mundo académico e as necesidades do mercado laboral
Santiago de Compostela

O proxecto DLT4All é unha iniciativa pioneira no campo da formación en tecnoloxía blockchain, no que a USC toma parte a través do grupo de investigación GAME-IDEGA. “O obxectivo principal que perseguimos é crear un programa de ensino universitario baseado no Blockchain que posibilite impartir formación de alta calidade neste campo tanto na USC como noutras universidades europeas”, salienta Manuel Fernández Grela, investigador principal do proxecto. Os materiais didácticos e a metodoloxía elaborada no marco deste proxecto internacional pertencente ao programa de Alianzas Estratéxicas, serán empregados neste mes de setembro para desenvolver formación gratuíta e en aberto sobre este ámbito.

Blockchain é unha tecnoloxía que permite a transferencia de datos dixitais cunha codificación moi sofisticada e dunha maneira completamente segura. A devandita transferencia non require dun intermediario centralizado que identifique e certifique a información, senón que está distribuída en múltiples  nodos independentes entre si que a rexistran e valídana sen necesidade de que haxa confianza entre eles.

“Involucrar aos beneficiarios potenciais do programa nun proceso de co-creación do seu deseño, elaborado tanto dende a Universidade como dende o mundo no que se manexan estas tecnoloxías, para que o produto educativo final se axuste á demanda e necesidades dos emprendedores e investidores” é a finalidade do proxecto, explica o profesor do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

Neste senso, os participantes nos programas piloto proporcionarán información detallada sobre a súa propia perspectiva e valoración da iniciativa. “Está información servirá para introducir melloras de cara a realización do curso completo, que na USC terá lugar en xaneiro do próximo ano. Dada a situación actual referente á evolución da pandemia da COVID-19 os cursos dos programas piloto desenvolveranse exclusivamente de xeito en liña”, engadiu Fernández Grela.

Programas piloto

Os programas piloto do proxecto DLT4All consistirán en cursos breves, desenvolvendo cada un dous ou tres módulos de aprendizaxe dos nove que compoñen o programa, coa participación dun número reducido de estudantes. Os catro programas piloto terán lugar na segunda metade deste mes de setembro, en Chipre, España, Grecia e Italia. A USC colaborará coa Universidade de Nicosia e a consultaría INSOMNIA, con sede en Valencia, no curso ‘Blockchain fundamentals: encryption and consensus’, que se celebrará entre os días 21 e 25 de setembro. Este curso gratuíto e en aberto, pero cun límite máximo de doce participantes, será impartido de xeito totalmente en liña e en lingua inglesa. A inscrición pode realizarse na seguinte ligazón.

Xornada de difusión e formación

No pasado mes de xullo, celebrouse de xeito virtual o seminario ‘A formación en blockchain: o futuro xa está aquí’ coa finalidade de presentar o currículo elaborado por DLT4All e os casos de estudo asociados ao programa, así como promocionar e proporcionar información sobre os diferentes cursos piloto. Esta actividade, na que participaron preto de 30 persoas, serviu para coñecer casos de uso da tecnoloxía relacionados coa trazabilidade dos produtos nas cadeas de valor. “Na actualidade moitas universidades europeas están interesadas na blockchain, pero os seus programas carecen dun número suficiente de casos reais”, conclúe o profesor Grela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.09.2020.