A EPSE comeza a ‘vendimia’ en Portomarín coa análise da virose do ‘enrolamento da folla da videira’ en cepas afectadas

Investigadores do grupo de Viticultura e Sanidade Vexetal (Viti Research 1988) da USC, do que forman parte os profesores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Julián García Berrios e Cristina Cabaleiro Sobrino, ademais do decano da Facultade de Bioloxía, Antonio Segura Iglesias, comezaron a ‘vendimia’ na finca experimental Monte do Cristo de Portomarín coa realización de análises e a toma de mostras para estudo das cepas de vide previamente infectadas co virus do ‘enrolamento da folla da videira’.
Os traballos de análise e estudo da incidencia do ‘enrolamento da folla da videira’ nas plantas nas que este grupo de investigación da USC está a estudar este virose, seguida da colleita das uvas destas cepas identificadas, abriron a finais da pasada semana a ‘vendimia’ do viñedo experimental de que dispón da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC no municipio de Portomarín, un proceso que se prolongará durante os próximos días e no que colabora, ademais de investigadores e estudantes, produtores e adegueiros da comarca chantadina.
O profesor García Berrios salientou neste senso a importante colaboración que está a ter o seu grupo de investigación coa adega rexentada por Óscar Rodríguez, enxeñeiro agrónomo egresado da EPS de Enxeñaría da USC, cuxa axuda resulta clave para o mantemento e a conservación dun viñedo experimental que ocupa unha superficie aproximada dunha hectárea.
García Berrios, que tamén estendeu os seus agradecementos ao Concello e á Asociación de Veciños de Portomarín, mostrouse optimista cara aos resultados desta nova colleita. “A produción é bastante irregular e está moi reducida nalgunhas zonas, porque houbo moitas xeadas, ao que cómpre sumar problemas de callado e unha importante presión de viroses e enfermidades”. Aínda así, “a calidade desta colleita preséntase estupenda”, engadiu.
O obxectivo inmediato pasa por completar a recollida da uva para logo elaborar viño, un proceso que tamén está aberto á participación do estudantes e investigadores interesados, que tamén terán a oportunidade de saborear os caldos elaborados a pasada campaña nos procesos de microvinificación desenvolvidos tanto na Adega Experimental habilitada na EPS de Enxeñaría de Lugo, como nas instalacións da adega chantadina de Óscar Rodríguez.
A posibilidade de elaborar viño con recursos propios é un dos resultados que permite a disposición dunha parcela experimental de viñedo, sinalou García Berrios, ao tempo que precisou que non é o único, pois “o campo experimental de Portomarín permítenos realizar unha intensa labor de I+D+i, así como outras actividades de formación cuxa temática abrangue desde sistemas de poda e porta enxertos, manexo de viña e sistemas de control e manexo de solos, entre outros proxectos orientados á mellora da protección das plantas”, comentou.
O profesor de Viticultura da USC defende que o labor de I+D+i que se está a desenvolver no campo experimental de Portomarín reporta resultados que poden ser moi positivos para os produtores. García Berrios, que recoñece tamén un crecente interese entre o estudantado universitario por ampliar os seus coñecementos de viticultura, unha formación que ten cabida tanto no grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria como no máster de Agrónomos, avanzou asemade a súa intención de organizar sesións e cursos de cata entre o alumnado da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

