Investigadoras da EPS de Enxeñaría e outras autoras fan visible a muller na extinción de lumes na obra ‘As árbores que non arden’
As investigadoras da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC Ana Cabana Iglesias, Beatriz Rodríguez-Morales e Rosa Mosquera contribúen a facer visible a presenza e o labor que desenvolven as mulleres no monte e, especialmente, nas tarefas de extinción de lumes forestais con tres colaboracións compiladas xunto coas achegas doutras sete autoras e do equipo Batefogo, no libro ‘As árbores que non arden: As mulleres na prevención de incendios forestais’, un volume publicado pola editorial Catro Ventos que vén de ser presentado este martes no Campus de Lugo da USC no marco dunha concorrida sesión promovida polo grupo de innovación docente Ruralia ao abeiro do ciclo ‘Na EPSE queremos saber’.
A edición desta obra é algo importante, dixo a profesora da USC Mar Pérez Fra na presentación dun libro que “contribúe a facer visible o importante labor que desenvolve a muller no monte”, sinalou, para logo engadir que na panorámica superficial do mundo do lume, a presenza feminina resulta aparentemente anecdótica.
O integrante do equipo Batefogo, un proxecto de intervención social que propón compaxinar de forma eficaz a prevención dos lumes coa dinamización económica e social do medio rural, Miguel Pardellas, explicou neste mesmo senso que este volume dá continuidade ao propio proxecto Batefogo a través de reflexións sobre a problemática dos incendios forestais desde unha perspectiva feminina.
‘As árbores que non arden’ permite facer visibles as mulleres nos distintos escenarios que depara a problemática forestal en Galicia, nos que as mulleres son protagonistas en moi poucas ocasións. Daquela, esta obra coordinada polo equipo do Proxecto Batefogo, está estruturado en diversos artigos que inclúen a perspectiva de xénero á temática da extinción de lumes.
Presentación do libro 'As árbores que non arden', na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC