Pasar al contenido principal

A secretaria xeral da USC presidirá o grupo de traballo de Delegados de Protección de Datos da Comisión Sectorial de Secretarías Xerais da CRUE

Dulce García Mella. Foto: Santi Alvite
Dulce García Mella. Foto: Santi Alvite
Esta Comisión ten entre as súas competencias a administración electrónica, a propiedade intelectual, as políticas de transparencia nas universidades, a gobernanza e todo o relacionado co eido xurídico das universidades
Lugo, Santiago de Compostela

A secretaria xeral da USC, Dulce García Mella, asumirá a presidencia do grupo de traballo de Delegados de Protección de Datos da comisión sectorial de Secretarías Xerais da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), integrada por todos os secretarios e secretarias xerais das universidades españolas.

Esta Comisión ten entre as súas competencias a administración electrónica, a propiedade intelectual, as políticas de transparencia nas universidades, a gobernanza e todo o relacionado co eido xurídico das universidades. As comisións da CRUE son órganos que asesoran á Asemblea Xeral na toma de decisións e promoven actividades en rede de interese común para todas as universidades.

Actualmente a Secretaría Xeral da USC ten atribuída a coordinación e execución da política de protección de datos, o seguimento da seguridade dos sistemas de información da USC, as políticas de impulso da transparencia e o acceso á información pública, accesibilidade e bo goberno na USC, áreas coordinadas pola Secretaría Xeral Adxunta e a Vicesecretaría Xeral.

A xeneralización da administración electrónica, o cumprimento da lexislación europea e nacional en materia de protección de datos e velar pola seguridade da información e adecuación ao Esquema Nacional de Seguridade, son elementos nucleares da administración dixital na USC.

Dado que estas áreas son de especial importancia e sensibilidade para a Universidade, creouse recentemente dentro da propia Secretaría Xeral a figura do responsable de seguridade da información, un posto que, baixo a dirección daquela, asumirá a responsabilidade técnica nestes ámbitos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.12.2019.