Pasar al contenido principal

'Burbullas creativas'

Luis Alejandro García ofrece este luns un concerto de guitarra na Casa do Saber

28/09/20-20.30h

Lugo
Casa do Saber

A actuación, a última das programadas no mes de setembro ao abeiro do convenio Lugo Cultural, comezará ás 20.30 horas e o aforo está limitado a 30 persoas

Luis Alejandro García, coa guitarra
Luis Alejandro García, coa guitarra

A ‘Burbulla creativa’ promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural para o mes de setembro chegará este luns 28, ao seu remate cun concerto de corda a cargo do laureado guitarrista tinerfeño Luis Alejandro García, quen ofrecerá a súas composicións sonoras ao público lugués, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber de Lugo.

Luis Alejandro García (Tenerife, 1993) é un dos guitarristas españois máis laureados da súa xeración. Gabado como un intérprete que combina “virtuosismo con unha excepcional musicalidade, repleta de matices” (Enric Madriguera, Russell Cleveland Director of Guitar Studies at UT Dallas), alzouse con primeiros premios en certames como o XVIII Concurso “José Tomás – Villa de Petrer” (2019), Primeiro Premio e Premio do Público no XXIII Festival Internacional de Guitarra de Coria (2019), Primeiro Premio no 47 Concurso Internacional de Guitarra “Fernando Sor” (Madrid, 2019), Primeiro Premio, Premio do Público e Premio Llobet no Certamen Llobet (Barcelona, 2017) ou o Segundo Premio no Forum Gitarre Wien (Viena, 2019). Deu concertos e impartiu clases maxistrais por gran parte da xeografía española, Alemaña, Austria, Andorra, Chile, Arxentina ou Estados Unidos, e colaborou con diferentes orquestras, como a OST ou a OSLP.

En 2018 publicou o seu primeiro CD, Lazos sobre el Atlántico, producido polo selo JSM Guitar Records, e actualmente traballa na súa segunda gravación para o seu lanzamento en 2020. É compoñente de Canary Guitar Quartet, co que foi premiado internacionalmente, ademais de publicar o seu primeiro traballo discográfico, 21.É titulado en Guitarra polo CSMC con Matrícula de Honor, así como en Musicoloxía co Premio Extraordinario de Fin de Carreira. Formouse con diversos profesores de nivel  internacional como Leo Brouwer, David Russell, Zoran Dukic ou Marco Tamayo. En 2017 completou os seus estudos de máster con matrícula de honra na Esmuc de Barcelona, baixo a tutela de Àlex Garrobé.

En continuo crecemento, a súa carreira levarao a debutar como solista en espazos tan insignes como o Palau da Música de Cataluña (outubro 2019) ou no Teatro Monumental (abril 2020), xunto á Orquestra e Coro de Radiotelevisión Española, amais de a  xiras por diferentes lugares de España, Estados Unidos, Brasil, México ou Arxentina. Así mesmo, foi elixido como artista EuroStrings 2019-2020, razón pola que será invitado a numerosos festivais de guitarra en toda Europa.

O concerto é de entrada libre, como todas as actividades culturais promovidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, aínda que o aforo está limitado a un máximo de 30 persoas. O público interesado pode recoller o luns, en quenda de 10.00 a 13.00 horas, os convites dispoñibles na oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.09.2020.