Pasar al contenido principal

Ourives de Compostela restaura a Maza da Universidade con técnicas e materiais acordes “coa dignidade da peza”

O reitor Antonio López (terceiro pola esquerda) e a vicerreitora de Igualdade Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, xunto co responsable da Área de Cultura, Pablo Sampedro (primeiro pola esquerda), recibiron a Maza restaurada por parte de Ourives de Compostela. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López (terceiro pola esquerda) e a vicerreitora de Igualdade Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, xunto co responsable da Área de Cultura, Pablo Sampedro (primeiro pola esquerda), recibiron a Maza restaurada por parte de Ourives de Compostela. FOTO: Santi Alvite
Julio Lado e Ricardo Rivas procederon ao desmontado integral e avaliación interna desta obra de arte para logo traballar do xeito máis apegado á súa fabricación inicial
Lugo, Santiago de Compostela

A Asociación Ourives de Compostela fixo entrega este venres ao reitor Antonio López da Maza da Universidade completamente restaurada. Os traballos foron executados polos ourives Julio Lado Martínez e Ricardo Rivas Casal, os cales procederon ao desmontado integral e avaliación interna da peza para logo traballar do xeito máis apegado á súa fabricación inicial.

Na  restauración da Maza empregáronse técnicas e materiais “acordes coa dignidade da peza”, tal e como apuntan dende Ourives de Compostela, xa que presentaba fisuras en todas as súas partes, notorias perdas de dourado, roturas e golpes, así como falta dunha fibela e sucidade acumulada.

A USC e a Asociación Ourives de Compostela asinaron no mes de xaneiro un convenio marco de colaboración para o desenvolvemento de accións conxuntas en materia de investigación, documentación e extensión cultural naquelas áreas relacionadas cos fenómenos cuncheiro, prateiro, acibecheiro e bronceiro da cidade compostelá. Logo do acto de sinatura, representantes de ambas as dúas entidades mantiveron unha reunión de traballo na que se acordou a restauración da Maza da USC ao longo deste ano 2020.

Ourives de prestixio

Os ourives encargados da restauración da peza son dous nomes de recoñecido prestixio a nivel mundial. Julio Lado recibiu distintos premios e distincións, entre eles o Premio de Artesanía de Galicia 2016 a “toda unha vida dedicada ás artes e Oficios’. As súas obras atópanse en casas reais de todo o mundo, así como en destacadas coleccións privadas de España e o estranxeiro. Pola súa parte, Ricardo Rivas é tamén receptor de distintos premios, membro durante unha década da Comisión de Artesanía de Galicia, docente en distintas modalidades, e  entre as súas obras destaca un bastón pastoral para o Papa Xoán Paulo II.

Peza emblemática

A Maza da institución compostelá en prata sobredourada está datada entre 1805 e 1833. Esta peza antigamente empregábase en actos solemnes como a obtención do grao de Licenciado ou Doutoramento. Na actualidade, abre a procesión que precede aos actos solemnes da Universidade como son a apertura do curso, a celebración de Santo Tomé de Aquino e o investimento de profesorado doutor honoris causa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.10.2020.