A USC acollerá a XXVII Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades

A USC será a anfitrioa na XXVII Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades, que terá lugar do 13 ao 14 de setembro de 2021 na capital galega, coincidindo co Ano Xacobeo. O membro do Comité Executivo do Grupo Compostela de Universidades (GCU), Manuel Freire-Garabal, presentou ante o Consello Xeral da rede a proposta da USC para acoller este foro. Tras a presentación, o máximo órgano de decisión da rede universitaria aprobou a proposta.
Neste encontro, os participantes poderán botar a vista atrás para analizar as raíces da educación superior, as humanidades e a arte. “Unha educación superior cimentada nos coñecementos humanistas e unha preservación do patrimonio artístico en cuxa conservación se avanzou da man dos coñecementos técnico-científicos”·, apuntan dende a organización. Por iso, na XXVII Asemblea Xeral do GCU profundarase nas relacións e conexións existentes entre a educación humanista, científico-tecnolóxica e a arte. Ademais, o evento enmarcarase dentro do Ano Santo, Xacobeo 2021, polo que será unha celebración tanto cultural como académica.