“A contorna virtual fai que nos relacionemos dun xeito diferente”

O modelo de presencialidade segura que está a desenvolver a USC e que combina as clases presenciais con materias impartidas en remoto supón unha nova forma de enfrontarse ao estudo. As profesoras do grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa da USC, Lorena Casal e Beatriz Cebreiro, analizan as pautas precisas para sacar o maior rendemento posible da contorna virtual xa que esta “fai que nos relacionemos dun xeito diferente”.
A linguaxe non verbal e a capacidade para identificar os respectivos estados de ánimo entre o alumnado, vense limitados na docencia telemática que se está a impartir por mor da COVID-19 xa que “non se perciben coma nunha situación presencial e isto esixe un esforzo”, afirman. “A situación de ensinanza que se deseñe para ese entorno virtual pode facer que se produzan cambios na forma de traballar coa información, de interaccionar coas persoas, de responsabilizarse do propio proceso de aprender... Hai que enriquecer a experiencia do contorno virtual apoiando todos os procesos didácticos como, por exemplo, explicar, expoñer, construír, exemplificar, realizar o seguimento ou a avaliación”, indican Casal e Cebreiro.
Maior responsabilidade
Conectarse ás clases en remoto implica desenvolver unha maior capacidade de autoxestión por parte do alumnado. “A persoa que segue a docencia en remoto ten que ter unha maior responsabilidade sobre os seus tempos, é dicir, ten que ter a capacidade de autorregulación do seu tempo de estudo e do seu tempo para cada tarefa”, reflexionan as investigadoras. Asemade, a docencia en liña esixe unha maior sistematización do proceso de ensinanza e un meirande esforzo por parte do docente á hora de realizar o seguimento do traballo de cada estudante. Facer explícitas as pautas de traballo e preparar aos estudantes con indicacións claras que lles axuden a saber os pasos que demanda unha tarefa resulta chave neste contexto.
Pasos definidos
“Indicar que é necesario realizar unha lectura, a continuación, relacionar ideas desa lectura con outros materiais traballados ou cunha práctica concreta na que se ten que aplicar ese coñecemento é un exemplo de como proceder”, apuntan. O alumnado ten que ser consciente do obxectivo exacto do que está facendo, para que lles serve, que están aprendendo con iso, e como ese coñecemento que adquiren con esa tarefa concreta se relaciona con outras tarefas ou coñecementos da materia. Tamén axuda o establecemento de tempos ou calendarios. “Consultar co alumnado a carga de traballo noutras materias, para que eses tempos e calendarios sexan compartidos serve para facer ao alumnado partícipe no proceso”, explican as docentes.
Neste senso, o profesorado debería crear actividades que teñan diferentes pasos e así comprobar en cada un deles se os estudantes están no bo camiño. Asemade, Casal e Cebreiro recomendan que as sesións de videoconferencia sexan en pequenos grupos para que o persoal docente poda avaliar como se está a aprender. “O docente ten que asesorar ao alumnado axudándolle nesa explicación do detalle do traballo. Que é o que o alumno ten que conseguir en cada momento? Por que o ten que facer? Para que lle vai servir? Tamén é imprescindible o seguimento e retroalimentación do traballo do alumnado por parte do ou da docente”, conclúen.