Pasar al contenido principal

USC e Deputación da Coruña suman forzas para impulsar a captación de talento, a cultura e a divulgación científica

O teatro é unha das actividades impulsadas ao abeiro do convenio
O teatro é unha das actividades impulsadas ao abeiro do convenio
O reitor Antonio López subliñou no acto de renovación do acordo que a cooperación entre institucións resulta indispensable “en momentos singulares como os actuais”
Santiago de Compostela

O acordo asinado este xoves polo reitor Antonio López e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, permitirá impulsar a Programación para fomento da educación, a investigación, a transferencia do coñecemento e as actividades culturais, artísticas e científicas que a USC está a desenvolver neste ano 2020. Antonio López no acto de renovación deste convenio, destacou a relevancia da cooperación entre institucións, “máis se cabe en momentos singulares como os actuais”, para unificar esforzos e así “amplificar entre a sociedade o papel que, como servizos públicos, cumprimos a prol non só da educación, senón tamén na promoción da cultura, do deporte ou a mellora da calidade de vida”.

A Deputación apoia, ao abeiro do documento asinado este xoves en A Coruña, os programas de detección e captación de talento da Universidade como é o caso de ‘A Ponte entre a USC e o Ensino Medio’, o cal aspira á captación dos mellores expedientes procedentes do bacharelato e ciclos formativos. Darlle pulo á programación cultural da Universidade, fornecer de impulso a organización de congresos e seminarios, así como o IV Ciclo ou Programa Universitario de Maiores, eríxense noutros dos eixos que sustentan o convenio.

Neste senso, o presidente da Deputación destacou a “especial importancia de apoiar este tipo de programas de captación de talento” e tamén “o programa que desenvolveu a USC para incentivar a industria cultural galega trala COVID-19” xa que “a Deputación consideramos que o investimento en capital humano é sempre o máis rendible”. O establecemento de sinerxías “axúdanos a ser máis eficaces e rigorosos no cumprimento das nosas misións”, concluíu o reitor.

Antonio López (dereita) e Valentín González Formoso (centro) asinan o acordo
Antonio López (dereita) e Valentín González Formoso (centro) asinan o acordo
Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.11.2020.