Pasar al contenido principal

En loita contra a violencia machista

A lectura dun manifesto no que participarán distintos membros da comunidade universitaria difundirase de xeito virtual o 25N. FOTO: Santi Alvite
A lectura dun manifesto no que participarán distintos membros da comunidade universitaria difundirase de xeito virtual o 25N. FOTO: Santi Alvite
A difusión dun manifesto lido por diversas voces da comunidade universitaria centra o programa de actos que a USC impulsa co gallo do 25N, ‘Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres’, e que contará con webminars, seminarios e mesmo performances pola cidade de Compostela
Lugo, Santiago de Compostela

A axenda de actividades que a USC impulsa co gallo de conmemorar o ‘Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres’, que terá lugar o vindeiro mércores 25 de novembro, evidencia o compromiso da Universidade na loita contra o machismo e todas as súas manifestacións. A lectura dun manifesto no que participarán distintos membros da comunidade universitaria e que se difundirá de xeito virtual o 25N nutre unha semana ateigada de accións para poñer o foco na necesidade de estratexias e accións que lle poñan un freo efectivo á violencia machista.

Neste senso, o ciclo de conferencias sobre os resultados dos distintos proxectos de investigación concedidos dentro da convocatoria da USC para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, constará de diversos webminars que abordarán a violencia contra as mulleres dende diversas perspectivas. Así, o mesmo 25N, ás 17.00 horas, trazarase un diagnóstico  do  acoso  sexual  e  o  acoso  por  razón  de  sexo, orientación sexual e identidade de xénero na USC.  Este foro que poderá seguirse en liña é o resultado dun proxecto liderado por María José Méndez Lois e no que toma parte a relatora da xornada e investigadora, Milena Villar Varela. A sesión estará moderada pola vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. O outro dos webminars corresponde a un proxecto coordinado polo profesor Fernando Lino Vázquez González e levará por título ‘Prevalencia da violencia sexual, correlatos e psicopa-toloxía asociada en universitarias’. Tamén en liña e xunto a Vázquez González, intervirá no foro a investigadora Lara López Ares. A sesión desenvolverase o 2 de decembro ás 17.00 horas.

A difusión do  libro dixital 7 relatos curtos contra a violencia de xénero cos relatos finalistas do III Concurso de relatos curtos centrados nesta temática, nutrirá o programa de actividades dunha semana na que tamén se darán a coñecer os textos gañadores do VI Concurso de Lemas contra a Violencia de Xénero.  

Performance e seminarios

A violencia económica centra o seminario que na Facultade de Dereito impartirá a relatora Belén Trigo García a partir das 12.30 horas do 25N, na sala de xuntas do centro. O 3 decembro, ás 13.00 horas, tamén na Facultade de Dereito, será a quenda de Alicia Villalba, quen profundará na prevención do acoso sexual universitario. As inscricións para os dous relatorios deben efectuarse a través do enderezo zderdeca [at] usc.es (zderdeca[at]usc[dot]es)

Pola súa parte, o alumnado das titulacións de Mestre en Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria, baixo a coordinación do profesor Jorge García Marín, desenvolverán o mesmo 25N diversas performances en diferentes puntos da cidade de Santiago para denunciar a situación das mulleres vítimas de violencia machista.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2020.