Pasar al contenido principal

Loisa Lariño Mora, premio Cátedra Aquae 2020

Loisa Lariño Mora, acaba de ser galardoada co Premio Cátedra Aquae 2020
Loisa Lariño Mora, acaba de ser galardoada co Premio Cátedra Aquae 2020
A estudante do Máster en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible da USC acaba de ser recoñecida polo seu TFM ‘Deseño dun sistema fotovoltaico de bombeo e tratamento de auga como parte dunha acción de boa vontade’
Santiago de Compostela

A  estudante  do Máster en  Enerxías Renovables, Cambio Climático e  Desenvolvemento  Sostible (MERYCSE) da USC, Loisa Lariño Mora,  acaba de ser galardoada  co  Premio Cátedra Aquae 2020  polo TFM titulado ‘Deseño dun sistema fotovoltaico de bombeo e tratamento de auga como parte dunha acción de boa vontade’, merecedor desta distinción “de forma unánime debido á súa calidade científica e interese social”, tal e como sinalou o xurado. Este certame ten como obxectivo promover e recoñecer traballos de investigación de calquera disciplina sobre a auga.

Este premio de ámbito estatal recoñece non só o traballo realizado pola estudante e pola súa directora Ángeles López Agüera, senón que tamén pon en valor o “extraordinario escenario formativo que ano a ano está a consolidar a este Máster a nivel estatal”, apunta o coordinador do mestrado, José A. Rodríguez Añón. Este labor xa foi recoñecido nas dúas últimas edicións do ‘Climathon. A Global  Climate  Action  Programme’, realizadas en Santiago de Compostela, onde os estudantes do  MERYCSE foron os gañadores á mellor idea. “Estes recoñecementos animan e fortalecen a intención de converter o  MERYCSE e a Facultade de Física en referentes internacionais no seu campo e poñer a USC na vangarda en temas de sustentabilidade, desenvolvemento de estratexias enerxéticas responsables e eficientes, así como liderar iniciativas que axuden a combater e mitigar o cambio climático”, apunta o profesor Rodríguez Añón.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.11.2020.