Pasar al contenido principal

Educación e formación fronte aos lumes forestais

Superficie forestal afectada polas lapas. Foto: Santi Alvite
Superficie forestal afectada polas lapas. Foto: Santi Alvite
A USC procura o compromiso e a capacitación de estudantes en temas relacionados cos incendios forestais a través do proxecto Facing Fire, unha iniciativa internacional coordinada polo catedrático Agustín Merino que impulsa enfoques integrais e proxectos innovadores para restaurar ou poñer en valor áreas afectadas polas lapas
Lugo, Santiago de Compostela

Educación, compromiso social e mellora da capacitación a través de programas formativos que acheguen enfoques e ferramentas innovadoras para mitigar os efectos dos incendios forestais ou, cando menos, para a restauración e posta en valor daquelas áreas afectadas polas lapas, constitúen a esencia do proxecto Facing Fire, unha iniciativa europea con enfoque global liderada pola USC baixo a coordinación do catedrático na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Agustín Merino.

O Facing Fire é un programa Erasmus+ dotado cun financiamento de 200.000 euros que confía con achegar novas solucións á complexa problemática que deparan os incendios forestais no vello continente. Impulsado principalmente polo grupos de investigación Uxafores, da EPSE, e Esculca, da Facultade de Ciencias de Educación, pero coa implicación doutros docentes e investigadores das facultades de Formación do Profesorado, Ciencias da Comunicación, Bioloxía e mesmo da ETSE, a USC afronta este proxecto xunto con outros socios de Portugal, Italia e Grecia, países todos eles do arco mediterráneo, que constitúe a rexión europea máis castigada polas graves repercusións que provocan os incendios forestais no plano medioambiental, pero que tamén afectan ao seu desenvolvemento socioeconómico, especialmente nas áreas rurais.

Sabedores dos progresos acadados na loita contra os incendios forestais, pero críticos cos escasos avances no eido da formación, os socios de Facing Fire achegan un novo enfoque multidisciplinar coa integración de todas as persoas, entidades e empresas que conforman o tecido forestal, así como de toda sociedade no seu conxunto, nos procesos de mellora de capitación en tarefas ligadas coa prevención, xestión, restauración, concienciación e mesmo na difusión dos resultados.

Os proxectos de aprendizaxe e servizo como metodoloxía de ensino están a ser aplicados pola USC noutras actuacións, segundo explica Merino, que cita como exemplo ‘Plantando cara al fuego’. Este proxecto, de carácter nacional e obxectivos semellantes ao Facing Fire, está apoiado pola FECYT na súa última convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación e conta entre os seus participantes coa Xunta de Galicia,  IES Lucus Augusti (Lugo), IES Cidade de Antioquía (Xinzo), IES Terra de Xallas (Santa Comba), Concello de Muíños e Amigos da Terra.

Un problema común en Europa

A problemática dos incendios forestais é común nos países europeos do arco mediterráneo, sinala Merino, para logo relatar que para afrontar esta situación de xeito colectivo, Facing Fire establece un grupo de traballo liderado pola USC, pero formado por 9 socios procedentes das rexións europeas máis afectadas por episodios incendiarios. Así, USC, IES Lucus Augusti e Xunta de Galicia son os socios españois do Facing Fire, que ten na Universidade de Aveiro e Forestis os colaboradores en Portugal. En Italia  participan nesta iniciativa transnacional a Universidade de Florencia e a Rexión Toscana, mentres que Demeter e a Universidade de Atenas conforman o partenariado de Grecia.
 
Este conglomerado de socios permite conxugar o coñecemento e o método da academia coa actividade forestal activa, a experiencia práctica do sector profesional e da administración, ao tempo que posibilita a súa interacción para identificar as causas de cada  problemática e as súas solucións, indica Agustín Merino, para logo precisar que socio será o responsable de abordar as principais necesidades de formación, o deseño de proxectos específicos de aprendizaxe e servizo, así como aquelas accións que estimen para contribuír á mellora da difusión e do impacto do proxecto na sociedade.
 
O obxectivo último de Facing Fire, conclúe o coordinador do proxecto, é o desenvolvemento de proxectos únicos de formación en cada unha das rexións afectadas por incendios forestais, mediante o traballo práctico e a interacción entre educadores, investigadores, asociacións, ONGs, empresas forestais, e as diferentes administracións. A introdución de enfoques innovadores na capacitación dos estudantes contribuirá a superar a escaseza de traballadores cualificados, ao tempo que favorecerá o equilibrio de xénero no sector, fomentará o emprego naquelas rexións máis castigadas polos lumes e que presentan altas taxas de desemprego, relata Merino, que defende que este proxecto avanza na conversión do problemática dos lumes forestais en novas oportunidades de desenvolvemento local.

Repercusión global

A sesión inaugural do proxecto Facing Fire permitiu constatar este venres a dimensión global do proxecto. O reitor da USC, Antonio López, foi o encargado de dar a benvida a todos os participantes nun encontro virtual no que tamén participou o profesor Agustín Merino. Este acto protocolario, tralo que deron comezo as primeiras reunións de traballo, congregou, ademais de representantes de todos os socios implicados en Facing Fire, a colectivos e entidades de California, México, Bolivia, Brasil, Panamá, Paraguai, Chile, Reino Unido, República do Congo, Lituania, Sudáfrica, Rusia e Australia. Todos estes interlocutores internacionais, que poden ben participar nalgunhas das actuacións programadas ou ben implantar nas súas rexións os resultados obtidos, constatan a dimensión global de Facing Fire.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.11.2020.