Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría acada un premio da SECF cun estudo sobre crecemento e produción de rodais forestais en Lugo

O pino é unhas das especies ás que se poderían aplicar os modelos de rendemento preditivo e estimacións directas
O pino é unhas das especies ás que se poderían aplicar os modelos de rendemento preditivo e estimacións directas
A investigación desenvolvida pola enxeñeira en Xeomática e Topografía Lorena Salgado e co dirixida por Mariluz Gil Docampo vén de publicarse no último número dos Cadernos da Sociedade Española de Ciencias Forestais
Lugo

Os Cadernos da Sociedade Española de Ciencias Forestais (SECF) publican no seu último número a investigación sobre caracterización do crecemento e produción de rodais forestais na provincia de Lugo, un estudo desenvolvido pola enxeñeira en Xeomática e Topografía formada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Lorena Salgado Fernández no marco do seu proxecto de fin de grao, co dirixido pola profesora da USC Mariluz Gil Docampo.

A inclusión do estudo realizado por Lorena Salgado Fernández nos Cadernos da SECF dá conta da calidade científica do TFM titulado ‘Caracterización do crecemento e produción de rodais forestais a partir de datos PNOA-LiDAR multitemporais na provincia de Lugo’, unha achega científica coa que esta alumna do campus lugués completou a formación do grao en Xeomática e Topografía e que xa fora distinguida co Premio Universitario da SECF 2019 ao mellor TFG.

Na súa investigación, Lorena Salgado constata o interese e a utilidade do cálculo de volumes forestais como unha das aplicacións máis comúns da teledetección para apoiar a xestión sostible dos ecosistemas forestais. Así, a partir dos datos recollidos do Cuarto Inventario Forestal Nacional (IFN-4) e da primeira e da segunda enquisa nacional de Exploración Láser Aerotransportada (ALS), Salgado Fernández desenvolve modelos de rendemento preditivos e estimacións directas para as tres principais especies forestais comerciais (Eucalyptus globulus, Pinus pinaster e Pinus radiata) cultivadas na provincia de Lugo. A integración destes dous tipos de datos nunha análise conxunta requiriu dunha harmonización previa debido ás diferenzas no tempo de adquisición dos datos e ás dificultades para xeolocalizar de xeito preciso as parcelas do IFN-4.

Os datos harmonizados de E. globulus, P. pinaster e P. radiata permitiron elaborar a posteriori modelos de predición acaídos para determinar o volume total de masas forestais con codia (VCC) nun punto t diferente do de captura dos datos PNOA-LiDAR. O traballo desenvolvido por esta investigadora achega asemade un cálculo do incremento anual do volume con codia (IAVC) mediante a relación entre as variables das parcelas IFN-4, coas métricas derivadas dos datos de PNOA-LiDAR. Para realizar estas estimacións, Lorena Salgado empregou o método de regresión lineal Random Forest (RF) e varias técnicas de aprendizaxe automática. Esta información tamén resultou de utilidade para a posterior obtención de valores VCC de forma directa mediante datos PNOA-LiDAR multitemporais capturados no tempo t de proxección doutro método.

Cadernos da SECF

Os Cadernos da Sociedade Española de Ciencias Forestais (Cadernos da SECF) teñen como obxectivo principal a difusión da ciencia forestal mediante a publicación de artigos científicos e revisións de alta calidade. A temática de publicación é ampla e abrangue aspectos técnicos, ambientais, económicos, sociais e políticos intrínsecos do sector forestal, así como estudos multidisciplinares que acheguen solucións técnicas e científicas aos retos que actualmente afronta o sector forestal e ambiental.

A publicación, de periodicidade cuadrimestral, formato electrónico e acceso aberto, admite seccións especiais nas que, baixo unha temática específica, se recollen artigos derivados de reunións científicas temáticas, ademais doutras contribucións de carácter científico ou técnico de interese para o ámbito forestal.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.12.2020.