Pasar al contenido principal

Un estilo de vida para retrasar o envellecemento

A obra recolle os piares conceptuais e científicos deste tipo de alimentación. FOTO: Santi Alvite
A obra recolle os piares conceptuais e científicos deste tipo de alimentación. FOTO: Santi Alvite
O libro ‘Bases Científicas da Dieta Atlántica’, promovido e dirixido pola Fundación Dieta Atlántica da USC, recolle os piares conceptuais e científicos deste tipo de alimentación cuxos compostos inducen efectos beneficiosos para a saúde
Santiago de Compostela

A suma dun conxunto de hábitos alimentarios xunto cun determinado estilo de vida que une aos territorios de Galicia e o Norte de Portugal dá lugar á denominada ‘Dieta Atlántica’, cuxas pezas chave baséase no abundante consumo de peixes, lácteos e produtos frescos de tempada, alén de técnicas culinarias sinxelas. O libro Bases Científicas da Dieta Atlántica, promovido e dirixido pola Fundación Dieta Atlántica da USC, recolle os piares conceptuais e científicos deste tipo de alimentación a través de preto dunha vintena de capítulos elaborados por autores internacionais e nos que se fai fincapé, entre outros aspectos, en que este tipo de dieta contribúe á prevención do cancro e do envellecemento.

Coa colaboración de  Vegalsa-Eroski e a Sociedade Española de Obesidade, a obra foi presentada este martes polo padroado da Fundación, nun acto que contou coa presenza do reitor Antonio López. Ademais de establecer as bases deste modelo alimentario, o libro define o concepto ‘Dieta Atlántica’ non só para a comunidade científica senón tamén para nutricionistas, produtores e  responsables de distribución. “Posiblemente a Dieta Atlántica póidase aplicar a outras rexións de España, Portugal e Europa, como un modelo de alimentación saudable e tamén sostible dende o punto de vista ambiental, xa que posúe unha das pegadas de carbono máis baixas de Europa”, explicou  Felipe  F.  Casanueva, vicepresidente da Fundación Dieta Atlántica, tamén presente no acto.

A obra foi presentada este martes polo padroado da Fundación, nun acto que contou coa presenza do reitor Antonio López. FOTO: Santi Alvite
A obra foi presentada este martes polo padroado da Fundación, nun acto que contou coa presenza do reitor Antonio López. FOTO: Santi Alvite

Prevención do cancro

No libro abórdanse temas tan diversos como a promoción deste tipo de alimentación nunha comunidade mediante a intervención das familias, a actividade física como compoñente esencial ou o papel da dieta atlántica na prevención da obesidade. Asemade, no libro abórdanse tamén as características da dieta da poboación galega, a cal manifesta aspectos positivos como o alto consumo de vexetais, hortalizas e legumes, aínda que se advirte de que este consumo tende a descender entre os máis novos. No libro incídese tamén no feito de que o consumo dalgúns destes alimentos contribúe á prevención do cancro e do envellecemento, factor este último que explicaría que Galicia conte dunha das poboacións máis lonxevas do mundo. Nesta liña, a doutora Ana Belén Crujeiras cualifica a ‘Dieta Atlántica’ como unha posible “dieta  epixenética”, cuxos compostos poden inducir efectos beneficiosos para a saúde por medio de mecanismos que regulan o funcionamento dos xenes e que poden actuar na prevención de enfermidades. No volume inclúese ademais un capítulo no que se establece un índice de Dieta Atlántica que sexa operativo e poida ser utilizado de forma habitual.

Os traballos de redacción e edición do libro Bases Científicas da Dieta Atlántica foron coordinados por Felipe  F.  Casanueva, que contou co asesoramento dun comité científico integrado pola xefa do grupo de  epixenómica e nutrición do  Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Ana Belén Crujeiras; o vicepresidente da  Sociedade Española de Obesidade, Diego Bellido; a profesora do Instituto Politécnico de Viana  do Castelo, Manuela  Vaz-Velho e a pediatra  Rosaura Leis, integrante do padroado da Fundación Dieta Atlántica e coordinadora da Unidade de gastroenteroloxía,  hepatoloxía e nutrición pediátrica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.12.2020.