Pasar al contenido principal

A creación do Centro Singular CRETUS subliña o compromiso da USC co desenvolvemento sustentable e a economía circular

O CS CRETUS formará parte da Rede de Centros Singulares de Investigación da USC, tal e como aprobou o Consello. FOTO: Santi Alvite
O CS CRETUS formará parte da Rede de Centros Singulares de Investigación da USC, tal e como aprobou o Consello. FOTO: Santi Alvite
O Consello de Goberno tamén deu un novo pulo ao cumprimento do establecido no ‘Plan plurianual de profesorado (2019-2022)’, entre outros asuntos
Lugo, Santiago de Compostela

O Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais constitúese como centro singular de investigación da USC, tal e como acordou o Consello de Goberno na súa sesión ordinaria deste venres. O CS CRETUS  conforma  unha  estrutura  de  investigación no  campo  das  tecnoloxías ambientais comprometida co desenvolvemento sustentable baixo o paradigma da economía circular. Este novo centro singular créase coa ambición de promover un espazo de investigación referente na concepción, desenvolvemento e avaliación de tecnoloxías ambientais sostibles, que minimicen impactos e riscos ambientais e que permitan optimizar recursos en procesos que sexan económica, social e ambientalmente  sostibles.

Atender, promover e abordar os retos  e  demandas  da sociedade a través da  xeración de  coñecemento, innovación e promoción de talentos profesionais é a meta deste centro. O CS CRETUS formará parte da Rede de Centros Singulares de Investigación da USC como unha unidade  de  investigación  supra-grupal, cunha vocación de referencia e permanencia, integrando persoal investigador de elevada  competencia  científica  e  tecnolóxica  no  ámbito  das  tecnoloxías  ambientais  en  todas  as súas áreas de coñecemento,  tanto  básicas  como  aplicadas,  actuando  como  referencia  na  súa  proxección  académica, social e económica. Nesta liña, o CS CRETUS aposta por un enfoque interdisciplinario e transversal, ao reunir a persoal investigador que desenvolve actividades vinculadas a ámbitos moi concretos das tecnoloxías ambientais, como bioloxía, física, enxeñería química, psicoloxía,  química, economía ou dereito ambiental.

Profesorado

O Consello deu tamén un novo pulo ao cumprimento do establecido no ‘Plan plurianual de profesorado (2019-2022)’, documento que, entre outros aspectos, establece a necesidade de “garantir  unha  dotación  suficiente  e axeitada  das diferentes  áreas de coñecemento que conforman a Universidade  a través  de contratos  de calidade”. En coherencia con este principio, o Consello aprobou tamén na reunión deste venres a asignación  definitiva  de  prazas  de promoción a catedrático/a, pola quenda de promoción interna, da Oferta de Emprego Público (OEP) de 2020 a diversas áreas de coñecemento; así como a asignación de prazas de promoción de profesorado titular; xunto coa modificación da Relación de Postos de Traballo do PDI. Na reunión, tamén se tratou a convocatoria e comisións de selección de prazas de profesorado permanente, reposición de vacantes, e as prórrogas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde. A proposta de recoñecemento de complemento por actividade investigadora (sexenios) de profesorado contratado (2019) e a proposta de recoñecemento de complementos retributivos autonómicos (2019) tamén foron abordadas na reunión.

Planificación académica e oferta docente

A proposta de calendario para a Planificación Académica Anual do curso 2021-22 foi tamén aprobada na reunión. No documento establécese o 4 de xuño de 2021 como data límite para a aprobación da programación docente das materias nos centros e publicación na web institucional da USC.

Asemade, o Consello tratou os criterios para a presentación de modificacións de memorias de grao, máster e programas de doutoramento para a súa implantación no curso 2022-2023 e modificacións non substanciais para a súa incorporación na planificación 2021-2022. Na reunión, tamén se trataron as propostas e as memorias de estudos propios, así como a adscrición funcional a efectos de docencia das materias de titulacións de grao e máster a áreas de coñecemento.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.12.2020.