Publicado o sétimo volume do Atlas Lingüístico Galego

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela (ILG) acaba publicar o sétimo volume do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) dedicado ao léxico referido ao ser humano. O volume está constituído por 294 mapas que dan conta da variación léxica no dominio galego de conceptos vinculados coa familia, as relacións de parentesco, a vida en sociedade e certos oficios, en total máis de catro mil variantes léxicas para os case trescentos conceptos analizados. A maioría dos mapas presentan as distintas designacións rexistradas para unha mesma referencia de significado: rapaz de entre 12 e 17 anos (rapaz, mozo, chaval, etc.), maquía (maquía, maíca, copo, ...), labrador (labrador, labrego, paisano, ...), telleiro (telleiro, louseiro, canteiro, ...). Uns poucos mapas recollen tamén a diversidade de significados con que son empregadas certas denominacións de medidas utilizadas no mundo agrícola (ola, ferrado, canado, ...). Este volume é o segundo do ALGa con información léxica relacionada co ser humano, xa que en 2005 publicouse o volume V con datos sobre o vocabulario do corpo humano. O volume foi elaborado e editado polos profesores e investigadores da USC Rosario Álvarez, Francisco Dubert García e Xulio Sousa.
O proxecto do Atlas Lingüístico Galego naceu coa pretensión de documentar a variación xeolingüística do galego falado nas áreas rurais na década do anos setenta do século pasado. O material sobre o que se elaboran os volumes do ALGa está constituído polas enquisas realizadas en 167 localidades do territorio de fala galega distribuídas en Galicia, Asturias, León e Zamora. Este proxecto de investigación desenvólvese grazas ás axudas da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade e da Fundación Barrié. O ALGa está vinculado con outros proxectos de xeografía lingüística europeos: Atlas Linguístico-Etnográfico de Portugal e da Galiza, Atlas Linguarum Europae e Atlas Linguistique Roman. No ámbito dos estudos de dialectoloxía o atlas galego é recoñecido polo rigor na presentación dos datos e pola calidade das visualizacións cartográficas.
O sétimo volume do ALGa está publicado pola Fundación Barrié e o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC.