Pasar al contenido principal

250 anos do nacemento do “primeiro científico galego”

Vitor que se conserva na aula magna Ramón María Aller da Facultade de Matemáticas na honra de Rodríguez González. FOTO: Santi Alvite
Vitor que se conserva na aula magna Ramón María Aller da Facultade de Matemáticas na honra de Rodríguez González. FOTO: Santi Alvite
José Ángel Docobo e Carmen Villaverde Pérez analizan a traxectoria do catedrático da USC José Rodríguez González
Santiago de Compostela

“Afán por aprender e por contribuír ao desenvolvemento científico do seu pais”, así definen o profesor José Ángel Docobo e a investigadora Carmen Villaverde Pérez os eixos que definiron a traxectoria do catedrático da USC José Rodríguez González, ao que definen como “o primeiro científico galego”. Neste ano 2020, cumpríronse 250 anos do seu nacemento.

Rodríguez González estudou Astronomía e Altas Matemáticas no Observatorio e College de Francia, onde traballou e tivo amizade con grandes científicos como Laplace, Delambre, Biot ou Arago. En Inglaterra, tamén se relacionou con membros da Royal Society. Logo dunha ausencia de varios anos, a USC saca a concurso a súa cátedra de ‘Matemáticas sublimes’ e nos cursos 1812-13 e 1813-14 volve á docencia. “Domingo Fontán Rodríguez, autor do excelente Mapa Xeométrico de Galicia de 1834, é un dos seus alumnos, recoñecendo a Rodríguez como inspirador e mestre”, apuntan Docobo e Villaverde.  

Traxectoria internacional

En outubro de 1814 saíu cara a Alemaña, esta vez comisionado para estudar Ciencias Naturais e Mineraloxía. Pasou case dous anos na Escola de Minas de Freiberg con Abraham Gottlab Werner, considerado un dos pioneiros  da Xeoloxía e Mineraloxía moderna, “aquí debeuse iniciar na súa paixón por estas disciplinas que xa non abandonaría”, cren os investigadores. “A súa seguinte etapa foi Gotinga, alí o insigne matemático Friedrich Gauss, ensinaba no Observatorio da Universidade, Rodríguez pasou varios meses con el e incluso publicou en alemán Sobre as proporcións do esferoide terrestre”, sinalan.

Volveu a París en xuño de 1817. Durante esta segunda estadía mercou e remitiu á USC instrumentos científicos para o Gabinete de Física e para a realización da Carta Xeométrica de Galicia que ocupou a Domingo Fontán dezasete anos. Estudou co abade René Just Haüy, pai da Cristalografía, que lle brindou a súa amizade e o agasallou cos Sólidos Cristalográficos que se conservan na actualidade no Museo de Historia Natural da USC. Ademais, recibiu propostas dos gobernos ruso e arxentino para dirixir os seus Depósitos Xeográficos, pero consultou ao goberno español antes de tomar a decisión e este respondeulle co nomeamento de profesor de Astronomía do Museo de Ciencias Naturais de Madrid. “Chegou a Madrid a finais de maio de 1819, renunciando á súa cátedra de Santiago e aceptando tamén o cargo de Director do Observatorio Astronómico, que cumpría poñer en uso, despois de anos en estado ruinoso  a consecuencia da Guerra da Independencia”, sinalan os investigadores. O 2 de decembro dese ano comeza o primeiro curso de leccións públicas de Astronomía.

Política

Deputado por Galicia dende o 1 de xullo de 1820 ao 22 de febreiro de 1822, no chamado Trienio Liberal, compaxinou esta actividade coa docencia e dirección do Observatorio.  “Non tiña vocación política pero era  unha persoa comprometida coas súas ideas e co seu país”, apuntan Villaverde e Docobo.

A finais de abril de 1823, marchou de Madrid cara a Galicia. “Sábese pola súa correspondencia que o 22 de xuño de 1824 chegou a Oporto, visitou tamén Lisboa e Coimbra, tivo a oportunidade de reencontrarse con algúns dos seus compañeiros deputados e outros coñecidos, exiliados dende o ano anterior no país”, explican os investigadores. O 12 de setembro volve enfermo a Santiago. Ese mesmo día fina e na súa acta de defunción consta que foi soterrado na igrexa de San Agostiño, pero “na actualidade non é posible atopar ningún rastro nese lugar”, conclúen.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.12.2020.