Pasar al contenido principal

Santiago superou o pasado ano as 2.200 horas de radiación solar

Imaxe de sol
O Sol estivo visible nos ceos composteláns ao longo de 2.208 horas durante 2020. Foto: Santi Alvite
Segundo o informe meteorolóxico anual do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, esta cifra supera a media dos últimos anos, contabilizándose un total de 108 días con máis de nove horas de sol
Santiago de Compostela

Os meses de xullo e decembro representan os polos opostos do ano 2020 en cando á súa evolución meteorolóxica na cidade de Santiago de Compostela, segundo os datos recollidos na estación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. Se decembro foi o mes no que máis choveu, cun total de 379,6 litros recollidos en 28 días, en xullo non se rexistrou precipitación algunha. Como destaca o director do Observatorio Astronómico, José Ángel Docobo, 2020 rematou con moitos días con precipitacións e cunha importante cantidade de choiva recollida, “o que transmitiu a sensación de que o ano foi moi chuvioso cando realmente non foi así”.

Igualmente, xullo e decembro son as dúas caras da mesma moeda en canto á radicación solar, a insolación. O mes máis soleado foi xullo con máis de 350 horas, seguíndolle xuño, setembro e maio. No lado oposto, decembro acumulou apenas 62 horas e abril non chegou a 110. En total, o Sol estivo visible nos ceos composteláns ao longo de 2.208 horas, uns rexistros por riba da media dos últimos anos. Estas cifras supoñen un 50,3% sobre as posibles horas de insolación, aclara o profesor Docobo, quen tamén destaca que en xullo contabilízanse 28 xornadas con máis de nove horas de insolación. Desta cota pasaron tanto maio como agosto en 17 días cada un deles. En total, foron 108 días con máis de nove horas de sol. Pola contra, “o astro rei non tivo a ben asomarse por Santiago en 44 xornadas, destacando as nove decembro e oito tanto en xaneiro como novembro, como os meses máis salientables neste apartado. Igualmente, en todos os meses houbo algún día completamente cuberto, excepto en xullo.

Precipitacións

Pese as cifras colectadas no último mes do ano, a cantidade total de choiva do ano, 1.641,7 litros/m2, “non chegou á media das últimas décadas en Compostela, lixeiramente por riba do 1.800 litros/m2”. Aínda así, a cifra atópase no “intervalo de normalidade correspondente a estas últimas décadas, entre 1.600 e 2.000 l/m2”, lembra o profesor Docobo.

Neste contexto, o verán foi especialmente seco, destacando xullo sen precipitación algunha. Trátase do mes “tradicionalmente con menos choiva, pero a ausencia total de precipitación nel non se producía dende o ano 1981, e a pesar dos 0,9 l/m,2 de xullo de 1993 e dos 1,2 l/m2 de 2016”, especifica o director do Observatorio Astronómico universitario. Logo dun abril chuvioso e con pouca insolación, nos cinco meses seguintes só se recolleron 225 l/m2. A auga medida nos tres últimos meses do ano, especialmente en decembro paliaron a seca acumulada.

Ao longo de 2020 houbo un total de once días nos que a choiva superou os 30 l/m2: á fonte desta relación de xornadas máis chuviosas, o 16 de xaneiro recolléronse 87,3 l/m2, seguido do 15 de decembro (73,2 l/m2), o 29 de xaneiro (50,7 l/m2) e o 1 de marzo (50,1 l/m2). Por outra banda, segundos os datos compilados José Ángel Docobo destaca que foron 193 as xornadas nas que choveu nalgún momento do día. Esta cifra baixaría a 172 se non se consideran os 21 días con precipitación inapreciable, aqueles con menos de 0,1 l/m2. En conxunto, o profesor Docobo considera que “todas elas son cifras que entran dentro da normalidade”. No apartado das precipitacións, o director do Observatorio da USC lembra que na cidade non neva dende o 27 de febreiro de 2018, se ben non callou dende a noite do 12 ao 13 de marzo de 2013.

Temperaturas

“O ano 2020 foi xeneroso coas temperaturas en Santiago” afirma José Ángel Docobo, xa que “nada menos que en 24 días superáronse os 30 graos”. A máxima do ano (35°2) tivo lugar o 18 de xullo, seguíndolle o 6 de agosto (34°6) e o 12 de setembro (34°2). Neste último mes, tamén destacan os rexistros dos días 13 (33°6), 11 (32°1), 3 (31°6), 9 (31°1) e 10 (30°3). Neste mesmo apartado o termómetro tamén superou os trinta graos en catro xornadas de maio, entre os días 27 e 30. Pola contra contra, en seis xornadas a temperatura máxima ficou por debaixo dos dez graos, destacando o 4 de decembro con só 6°3, a parte doutros catro días de decembro e un en marzo.

No capítulo das temperaturas mínimas, en ningún momento do ano se baixou dos cero graos, sendo precisamente esa a temperatura que se mediu o 11 de xaneiro e que resultou ser a mínima absoluta de 2020, especifica Docobo. Noutras cinco ocasións, a mínima do día situouse entre 0° e 1°. As temperaturas mínimas máis elevadas tiveron lugar en agosto, xa que na noite do día 7 non se baixou dos 19°6. Salientan tamén as dos días 27 (18°8), 11 (18°6) e 19 (18°0). O día 14 de setembro, a mínima foi de 18°5.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.01.2021.