Pasar al contenido principal

Día Mundial da Xustiza Social

Xornada sobre economía e emprego en tempos de pandemia, promovida pola Rede TIL-Lugo

19/02/2021 - 10.00 horas

A vicerreitora Montserrat Valcárcel abrirá este foro de debate en liña estruturado en catro relatorios e que rematará coa lectura dun manifesto

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada

A  Rede de Técnicos de Inserción laboral Lugo (TIL), constituída como un foro de encontro, discusión e traballo, no que participa a USC, a través da súa Área de Orientación e Inserción Laboral, xunto con outras dezaséis entidades que prestan servizos a persoas en situación de vulnerabilidade ou exclusión social, conmemorará o venres 19 de febreiro o Día Mundial da Xustiza Social coa celebración da xornada en liña ‘Xustiza social e emprego: Emprego e economía mergullada en tempos de Covid’.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, será a encargada de dar a benvida a todas as persoas  participantes nesta xornada conmemorativa do Día Mundial da Xustiza Social, un espazo de análise e de debate co que a Rede TIL busca apoiar o labor da comunidade internacional encamiñada a erradicar a pobreza e promover o emprego pleno e o traballo decente, a igualdade entre os sexos, e o acceso ao benestar social e a xustiza social para todos/as. As persoas interesadas en participar neste foro, que se desenvolverá de 10.00 a 12.30 horas, poderán facelo de xeito gratuíto e sen necesidade de inscrición previa, na web http://ir.gl.xustizasocialredetil.

A técnico do Programa de Sensibilización Intercultural e Participación de Familias Migrantes en Accem, Yosehanna Ledesma, abrirá a quenda de intervencións cun relatorio sobre emprego e conciliación en familias vulnerables trala COVID. Os efectos psicolóxicos causados pola pandemia nas persoas en situación de vulnerabilidade que están a buscar emprego centrará de seguido a exposición da psicóloga sanitaria e forense Raquel Lombao Fernández. A traballadora social do Concello de Bóveda e profesora asociada da UVigo, Begoña Sánchez Roura, e a voceira da Asociación de Empregadas de Fogar Xiara, Teresa Rodríguez Vilaseco, completarán a quenda de relatorios con dúas charlas sobre traballo decente e experiencias de emprego somerxido. A lectura do manifesto ‘Xustiza Social e Emprego’, elaborado pola Rede TIL, servirá de colofón da xornada.

A Rede TIL Lugo, liderada pola Área de Orientación e Inserción Laboral da USC no Campus de Lugo, conta na actualidade entre as súas entidades adheridas coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Asociación Síndrome Down de Lugo, Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Fademga), Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Cruz Vermella Española-Lugo, Federación Asociacións de Familiares e persoas con enfermidades mentais de Galicia (Feafes Galicia), Fundación Secretariado Xitano, Fundación Juan Soñador, Fundación Educativa e Social Dignidade, Aliade Ultreia, Accem, Alar, Galicia Diaconia, Alar, Cáritas Diocesana Lugo e Igaxes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.02.2021.