11F: Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

“Reivindicar a visibilidade e participación plena e equitativa das mulleres na xeración e xestión do coñecemento científico” é a meta que a USC persegue cos diferentes actos que nutren este xoves a celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Así o afirmou a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, quen tamén puxo o foco na necesidade de que dende a propia institución universitaria se contribúa “a fomentar as vocacións científicas das rapazas en idades temperás”.
Os últimos datos do diagnóstico da igualdade na USC, amosan que no curso 2019-20 as alumnas representaban un 62,83 % do total do alumnado nas titulacións de grao. Con todo, a escasa presenza de mulleres nalgunhas titulacións do ámbito STEM, “no só prexudica as mulleres, reducindo as súas oportunidades de traballo e de participación nos avances e decisións do futuro tecnolóxico; senón que afecta os resultados das investigacións, a innovación e polo tanto o benestar e desenvolvemento da sociedade”, apunta Mar Lorenzo. “Promover a igualdade no acceso á investigación en todas as ramas do coñecemento e incorporar a perspectiva de xénero nos contidos da ciencia e a tecnoloxía, son elementos fundamentais para avanzar na excelencia universitaria”, sinala a vicerreitora.
Modelos a seguir
Neste senso, a celebración da táboa redonda ‘De nenas a investigadoras: o camiño da ciencia’ buscou achegar as experiencias de científicas de diferente perfil e etapa profesional na USC. Investigadoras en fase predoutoral, posdoutoral, xefas de grupo e directivas dos catro centros singulares da USC contaron nesta sesión que se desenvolveu en liña, as claves, anécdotas e logros das súas traxectorias, a fin de espertar a chamada da ciencia en nenas e mozas que decidan orientar a súa formación cara a diferentes ámbitos científicos.
Moderada pola responsable de comunicación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Elena Mora, a mesa de debate contou coa participación de Paula López, directora adxunta do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS); María Jiménez, investigadora principal do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS); Catarina Allegue Toscano, investigadora posdoutoral do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS); e María José Gómez, investigadora predoutoral do IGFAE.
‘Horizonte Europa’
A dimensión de xénero no seo do Programa de inversión en investigación e innovación da Unión Europea ‘Horizonte Europa’ centra, pola súa parte, a xornada que a Oficina de Igualdade de Xénero da USC impulsa tamén este 11F. Moderada pola profesora Alba Alonso Álvarez, a táboa redonda ‘Dimensión de xénero en Horizonte Europa’ conta coa participación de Lina Gálvez Muñoz, eurodiputada-vicepresidenta da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía; Elena Domínguez Cañas, vicepresidenta de Relacións Internacionais do CSIC; e Lorena Fernández Álvarez, directora de Identidade Dixital da Universidade de Deusto.
Testemuños audiovisuais
A Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo sumouse tamén á conmemoración deste 11F co lanzamento dun vídeo que, a través dos testemuños de seis enxeñeiras tituladas no centro universitario lugués, anima ás mozas a orientar o seu futuro universitario cara a titulacións de perfil científico e tecnolóxico alén dos posibles prexuízos existentes. A difusión deste documento audiovisual pretende tamén contribuír a ofrecer referentes femininos e actuais ás nenas e mozas atraídas pola actividade científica e tecnolóxica, segundo indica a presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero da EPSE, Dolores Fernández Rodríguez.
A tamén enxeñeira agrónoma e profesora da área de Enxeñaría Agroforestal da USC manifestou o seu agradecemento ás seis enxeñeiras que dan vida ao vídeo co que a EPSE se suma ás celebracións do Día da Muller e a Nena na Ciencia. Así, Fernández, referiuse a Tamara Arango López, Cecilia Alonso Rego, Guillermina Fernández Villar, María Álvarez Álvarez, Adriana Conde Fernández e María López de la Calle como novas embaixadoras das titulacións do ámbito das enxeñarías impartidas na EPSE do Campus de Lugo da USC.
Próximos eventos
A Facultade de Química celebrará o vindeiro mércores 17 de febreiro, ás 13.00 horas e a través de Teams, o relatorio “No more Matildas”, impartido pola catedrática de Química Inorgánica da Universidade de Sevilla, Adela Muñoz Páez.
A astronomía tamén ten o seu apartado na conmemoración deste 11F. O próximo 18 de febreiro, de 10.00 a 22.00 horas, terá lugar a IV edición da actividade ‘Chatea cunha Astrónoma’, actividade organizada pola Comisión Muller e Astronomía da Sociedade Española de Astronomía. A profesora da USC Josefina F. Ling formará parte do equipo de 75 astrónomas españolas ou traballando en España que estarán dispoñibles para chatear sobre a súa investigación, a súa experiencia como mulleres científicas, a carreira investigadora ou temas de astronomía en xeral.