Pasar al contenido principal

O SNL publica en liña un vocabulario con 125 termos esenciais sobre vacinas

A base de datos terminolóxica da USC bUSCatermos recibiu ao longo de 2020 a visita de 9.375 usuarios
A base de datos terminolóxica da USC bUSCatermos recibiu ao longo de 2020 a visita de 9.375 usuarios
Esta listaxe está integrada por rexistros relacionados co ámbito dos antíxenos, as súas tipoloxías e as campañas de inmunización
Lugo, Santiago de Compostela

Termos esenciais de vacinas’ é unha listaxe de denominacións integrada por 125 rexistros de bUSCatermos que describen conceptos relacionados co ámbito dos antíxenos, as súas tipoloxías e as campañas de inmunización. O Servizo de Normalización Lingüística da USC acaba de publicar en liña este vocabulario logo de impulsar a fins de 2020 outra lista de rexistros nutrida con case 200 termos relacionados coa pandemia da COVID-19 nas súas vertentes sanitaria e epidemiolóxica.

Para cada un dos rexistros relacionados co eido dos antíxenos preséntase, como mínimo, a área ou áreas temáticas a que pertence, e os nomes polos que é coñecido en galego, español e inglés; e na maior parte dos casos, tamén a súa definición en galego. Para buscar unha palabra ou expresión concreta dentro da lista de denominacións, pode empregarse o buscador integrado no navegador premendo Control+F; mentres que para

buscar unha palabra ou expresión noutro idioma, debe facerse a través da interface de bUSCatermos. Este vídeo explicativo serve de apoio á hora de buscar e interpretar a información que esta base de datos ofrece.

Fontes de información

A selección dos conceptos básicos, así como a identificación dos equivalentes noutras linguas realizouse a partir das Follas de información de vacinas do Servizo Galego de Saúde, xunto cos recursos Terminologia de les vacunes (Termcat), Vaccination glossary (European Commission) e Vaccine & Immunization (Centers for Disease Control and Prevention).

bUSCatermos

bUSCatermos está formada a partir da compilación, análise e reelaboración de tres grandes tipos de materiais, que teñen o galego como idioma de referencia ou de traballo. Trátase dos vocabularios e léxicos elaborados polo SNL; un conxunto de dicionarios e vocabularios elaborados por outras persoas e colectivos, que se incorporaron coa súa autorización explícita; e os rexistros elaborados no SNL para responder a consultas externas, ou a dúbidas xurdidas na revisión de textos.

“Esta base de datos non pode entenderse como un proxecto completo nin rematado. O seu estado natural é a actualización practicamente continua, tanto para engadir novos dicionarios, vocabularios ou consultas como para reorganizar, completar e reelaborar materiais xa existentes”, explican dende o SNL.

A base de datos terminolóxica da USC bUSCatermos recibiu ao longo de 2020 a visita de 9.375 usuarios que chegaron a ver un total de 168.017 páxinas, o que supón un incremento do 24,74%  con respecto a 2019, ano no que foron vistas un total de 134.692 páxinas. bUSCatermos permite consultar a información recollida en máis de 165.000 rexistros, que se centran na terminoloxía galega, pero recollen tamén información doutras moitas linguas como é o caso do español, portugués, inglés ou francés, entre outras.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.02.2021.