O Foro Económico e Social, espazo de traballo e diálogo para a construír o futuro da provincia da Coruña

O Foro Económico e Social (FES), no que toma parte a USC, veu a luz este xoves para asesorar ao goberno da Deputación da Coruña no deseño de plans estratéxicos en eidos chave para o futuro da provincia coma o emprego, o desenvolvemento industrial, a loita contra a COVID-19 ou os fondos europeos de recuperación. A USC intégrase nesta iniciativa xunto a UDC, patronal, sindicatos, e outros axentes sociais.
A través do FES, a Deputación busca configurar un espazo común de traballo e diálogo permanente. O Foro nace para analizar, debater e reflexionar sobre a situación económica e social do territorio coruñés coa finalidade de avaliar medidas concretas de actuación por parte das institucións, formular novas propostas e solucións nos ámbitos sinalados e colaborar na planificación estratéxica de proxectos no ámbito da provincia.
O acto de constitución do órgano consultivo celebrado esta xoves no Pazo de Mariñán, en Bergondo, e no que tomou parte o reitor Antonio López, estivo presidido polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e contou coa presenza do reitor da UDC, Julio Abalde; o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla; e os secretarios xerais comarcais da Unión Xeral de Traballadores(UGT), Ángel Iglesias, e Comisións Obreiras (CC.OO.), Cristóbal González, entre outros.