Pasar al contenido principal

O Consello de Goberno aposta pola renovación do cadro do PDI

No marco destas accións e para facer fronte ás xubilacións de profesorado que se van producir no presente exercicio, a Universidade aposta pola creación de cincuenta prazas de profesorado axudante doutor. FOTO: Santi Alvite
No marco destas accións e para facer fronte ás xubilacións de profesorado que se van producir no presente exercicio, a Universidade aposta pola creación de cincuenta prazas de profesorado axudante doutor. FOTO: Santi Alvite
Os premios extraordinarios de doutoramento do curso 2018-19, así como os correspondentes a grao e máster do curso 2019-20 foron outras das cuestións abordadas na reunión que se desenvolveu este xoves no Centro de Estudos Avanzados da USC
Lugo, Santiago de Compostela

O Consello de Goberno aprobou este xoves o conxunto de actuacións en materia de Persoal Docente e Investigador (PDI) que a USC quere acometer no exercicio de 2021 en desenvolvemento das previsións contidas no ‘Plan plurianual de profesorado 2019-2022’. Este documento concibe non só conter, senón “comezar a reverter o proceso de avellentamento que sofre na actualidade o cadro de PDI”. No marco destas accións e para facer fronte ás xubilacións de profesorado que se van producir no presente exercicio, a Universidade aposta pola creación de cincuenta prazas de profesorado axudante doutor. Ademais, o documento prevé a creación de doce prazas de profesorado contratado doutor para posibilitar a promoción de profesorado contratado temporal que finaliza os seus contratos. Finalmente, para facilitar a promoción de profesorado acreditado, dótase cun total de 64 prazas de profesorado titular e 35 de catedrático/a a estes corpos docentes. 

O Consello deu tamén luz verde á convocatoria das prazas de profesorado non permanente incluídas nesta planificación. Outra das cuestións abordadas no capítulo de PDI foi a convocatoria de prazas de profesorado con praza asistencial vinculada ao SERGAS. Asemade, o Consello tratou a convocatoria de prazas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde, así como de diversas prazas de profesorado permanente para a estabilización de persoal investigador.

Premios extraordinarios e bolsas comedor

Na reunión aprobáronse asemade os premios extraordinarios de doutoramento do curso 2018-19, así como os correspondentes a grao e máster do curso 2019-20.

O Servizo Universitario de Residencias (SUR) ten como finalidade contribuír a reducir a desigualdade de oportunidades por motivos económicos. Baixo esta premisa, a Vicerreitoría de Estudantes e Proxección Internacional impulsa bolsas de comedor para o alumnado que sexa residente no SUR. A convocatoria aprobada tamén polo Consello de Goberno manterase aberta dende a súa publicación ata o 31 maio de 2021. É requisito para a concesión das mesmas que a Renda Persoal Dispoñible (RPD) do/da solicitante no exercicio do ano 2019, e que segundo a Convocatoria serviu de base para a adxudicación da cota correspondente no curso 2020-2021, sexa inferior a 9.000 euros. O importe concedido poderá chegar aos 1.511 euros, no caso das bolsas máis elevadas.

Regulamento de Estudos Propios

Coa intención de centralizar e unificar a revisión das actividades docentes non oficiais na USC abertas a terceiros alleos á comunidade universitaria, evitando a súa dispersión, bota a andar o Regulamento de Estudos Propios aprobado este xoves co que se quere promover a apertura da oferta formativa ao tecido social e produtivo. Asemade o Consello de Goberno deu luz verde ao regulamento de réxime interno do Centro de Estudos Propios co que se persegue levar a cabo a planificación, coordinación, avaliación e difusión da oferta de ensinanzas conducentes á obtención de títulos e diplomas distintos aos oficiais, configurados como estudos propios. Asemade, o texto contempla a promoción de acordos e convenios con outras universidades e institucións públicas e privadas co fin de ampliar a oferta deste tipo de estudos. O impulso da política de captación de alumnado, procurando a internacionalización das ensinanzas da súa competencia é outro dos obxectos que abarca o documento. No capítulo de regulamentos, o Consello tamén abordou os de réxime interno da Escola Técnica Superior de Enxeñaría e o relativo aos Traballos Fin de Grao da Facultade de Filoloxía.  

Titulacións

A aprobación das declaracións de intencións das propostas de modificacións substanciais de títulos oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento para o curso 2022/2023 foi outra das cuestións tratadas na reunión. Os criterios e calendario para a presentación de novas propostas de grao, máster universitario e programas de doutoramento para o curso 2022/2023 e as memorias de estudos propios foron tamén aprobadas polo Consello deste xoves.

A reunión celebrouse no CEA. FOTO: Santi Alvite
A reunión celebrouse no CEA. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2021.