Pasar al contenido principal

O Centro de Linguas Modernas inicia as súas ‘Conversas’ en liña e en formato presencial

Esta iniciativa piloto nace coa intención de permitir a práctica da comunicación oral “nun ambiente plural, amable e divertido”, explican dende o CLM. FOTO: Santi Alvite
Esta iniciativa piloto nace coa intención de permitir a práctica da comunicación oral “nun ambiente plural, amable e divertido”, explican dende o CLM. FOTO: Santi Alvite
Trátase dunha iniciativa que busca facilitar o achegamento didáctico á practica de diversos idiomas, inicialmente inglés, francés, alemán, checo e galego para non galegofalantes
Lugo, Santiago de Compostela

O Centro de Linguas Modernas (CLM) inicia as súas ‘Conversas’, tanto en liña como en formato presencial, unha nova proposta coa que facilitar un achegamento didáctico á practica de diversos idiomas, polo de agora con sesións de inglés, francés, alemán, checo e galego para non galegofalantes. Esta é unha proposta na que poderán participar un máximo de catro persoas coordinadas por profesorado especializado.

As ‘Conversas’ están inicialmente abertas á comunidade universitaria así como a outras persoas alleas á USC pero que contan coa autorización do CLM. En función da lingua e o nivel, os encontros celebraranse en liña ou de xeito presencial en aulas do CLM a partir do luns 8 de marzo. A matrícula xa se pode formalizar, se ben as Conversas poderanse seguir ata o 30 de maio, en función da demanda de cada idioma e grupo.

Esta iniciativa piloto nace coa intención de permitir a práctica da comunicación oral “nun ambiente plural, amable e ameno”, explican dende o CLM. “Ademais, non é obxectivo indispensable alcanzar un nivel determinado, senón gozar da conversación, manter e mellorar os coñecementos xa adquiridos”, engaden.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.03.2021.