O Ránking QS por materias destaca a USC en Ciencias Naturais, Artes e Humanidades e Ciencias da Vida e Medicina

Enxeñaría Química, Lingua Inglesa e Literatura, Linguas Modernas, Agricultura e Silvicultura e Farmacia e Farmacoloxía son as disciplinas da USC máis destacadas segundo o Ránking QS por materias na súa edición de 2021, ao situalas no intervalo 201-250 das mellores universidades do mundo.
Por grandes áreas de coñecemento, a institución compostelá ocupa o posto 308 en Ciencias Naturais. Química, Matemáticas e Física e Astrofísica, no intervalo 251-300; xunto con Ciencias Medioambientais, na posición 301-350, son as disciplinas máis destacadas no eido das Ciencias Naturais. En Artes e Humanidades a USC sitúase na posición 380.
O intervalo 451-500 é o ocupado pola USC no relativo a Ciencias da Vida e Medicina. Concretamente, dentro deste eido, a Universidade destaca en Ciencias Biolóxicas (intervalo 301-350) e Medicina (401-450). Ciencias económicas e econometría, no posto 351-400, é o eido no que máis destaca a USC no relativo ás Ciencias Sociais.
Indicadores
O Ránking QS por materias analiza a reputación académica de cada eido, a súa empregabilidade; o número de citas por artigo, extraendo a información da base de datos de referencias bibliográficas e citas Scopus nun período de cinco anos; así como o índice H, en tanto xeito de medir a produtividade e impacto do traballo publicado por cada científico.