Pasar al contenido principal

Os obradoiros de XuvenCiencia viaxan a 20 centros de ensino con 'Aula Nova'

A investigadora da área de Microbioloxía e Parasitoloxía Saskia Flament Simon pon a punto un kit
A investigadora da área de Microbioloxía e Parasitoloxía Saskia Flament Simon pon a punto un kit
O grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC imparte desde esta semana un taller sobre metodoloxía científica para profesorado de secundaria
Lugo

O deseño de experimentos nas aulas de ensino secundario e a metodoloxía científica centran os obradoiros que o grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC impartirá desde esta semana da man do programa Aula Nova do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Xunta. Un total de 20 docentes de ESO, BAC e ciclos de FP de toda Galicia participan neste novidoso proxecto de formación para o profesorado que se desenvolverá durante catro sesións en liña no mes de abril.

Esta actividade ofrece formación específica sobre o método científico e o deseño de experimentos para o profesorado de secundaria. Para acadar este obxectivo empregaranse kits deseñados por XuvenCiencia cos que poderán traballar na aula ou mesmo levar á casa o alumnado en situación de novos confinamentos.

Traballaranse as distintas fases dunha investigación, desde a toma de datos e o procesamento, pasando pola súa presentación a través de estatística descritiva e a elaboración de gráficos mediante follas de cálculo, ata a discusión dos resultados e a presentación dos mesmos en forma de artigo científico e mediante o uso de tecnoloxías como blogs, redes sociais ou aulas virtuais.  

Os profesores e investigadores do campus de Lugo da USC Mercedes Novo, Wajih Al-Soufi, Ana Paula Losada, Marta López Alonso e Marta Veiga Izaguirre, todos eles integrantes do grupo de innovación docente XuvenCiencia, serán os encargados de impartir esta actividade de formación e divulgación científica proposta a través do CAFI da Xunta.

O curso impártese en forma de obradoiro, dividido en catro sesións relativas ás distintas fases dun traballo científico. Os contidos están recollidos en fichas de actividades que lles permiten aos participantes avanzar nos temarios ao seu ritmo individual. O profesorado de ensino medio participante nesta actividade de XuvenCiencia para Aula Nova xa foi recibindo estes días, no seu centro, un kit de experimentación co fotómetro móbil Fotometrix do grupo XuvenCiencia xunto co material básico necesario para realizar medidas sen necesidade dun laboratorio.

Centros educativos

Os centros educativos galegos adheridos a esta nova iniciativa de XuvenCiencia están distribuídos de xeito heteroxéneo entre as catro provincias galegas. Daquela, nos obradoiros programados tomarán parte docentes de oito centros de A Coruña (Ies Virxe do Mar de Noia, Ies Rafael Dieste da Coruña, Ies Afonso X O Sabio de Cambre, Ies de Porto do Son, Ies David Buján de Cambre, Ies de Pastoriza de Arteixo, CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco e CPI O Cruce de Cerceda), catro de Lugo (Ies Basanta Silva de Vilalba, Ies Xoán Montes de Lugo, CPI Uxío Novoneyra do Courel e CPI Ramón Piñeiro de Láncara), tres de Ourense (Ies As Lagoas, Ies Castro de Baronceli de Verín e Ies Xesús Taboada Chivite de Verín) e tres de Pontevedra (Ies Antón Losada Diéguez da Estrada, Ies A Sagradiña da Guarda e Ies Johan Carballeira de Bueu).

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.04.2021.