O presidente da Asociación Galega de Veterinarios de Porcino de Galicia (Agavepor), Abelardo López, ofrece este mércores, ás 20.00 horas, o relatorio ‘Unha gandería de futuro: o porcino’

O presidente da Asociación Galega de Veterinarios de Porcino (Agavepor), Abelardo López, participa este mércores, a partir das 20.00 horas, como relator no webinario ‘Apaixoad@s pola Veterinaria!’, un ciclo promovido polo equipo decanal da Facultade de Veterinaria en colaboración con comité consultivo externo do centro, coa pretensión de tender pontes e afianzar conexións entre o alumnado do centro universitario lugués o tecido produtivo e os profesionais do sector.
O epidemiólogo e veterinario titulado en Lugo Javier Guitián abriu en abril este programa de periodicidade mensual cunha intervención telemática que colleitou un notable éxito de participación a través da plataforma Teams. Logo desta primeira sesión, na que se trataron algúns dos retos da profesión, así como as múltiples saídas laborais ás que aspiran os futuros graduados en Veterinaria, o presidente de Agavepor reflexionará neste foro sobre a crecente importancia que está a acadar o sector porcino, así como respecto das múltiples oportunidades que depara este sector para os futuros veterinarios.
A charla do presidente de Agavepor, unha asociación pioneira en España na redución do uso de antibióticos e na mellora do benestar animal da cabana porcina, permitirá tamén ao alumnado da Facultade de Veterinaria da USC coñecer algunhas das experiencias vitais e profesionais deste experto do sector porcino, quen tamén aproveitará a súa intervención para repasar algúns dos episodios máis salientables da súa traxectoria profesional.
As persoas interesadas en participar nesta segunda sesión do ciclo ¡Apaixoad@s pola Veterinaria’ poderán facelo de balde a través da plataforma telemática Teams. As persoas que estean rexistradas como usuarias poderán conectarse igualmente a través desta ligazón ou co código de equipo xv6089x.