Explorer Space Lugo premia Anzol, un marketplace de servizos de fabricación ideado por dous enxeñeiros
O proxecto de marketplace de suministros de fabricación a demanda Anzol, unha iniciativa de negocio ideada pola enxeñeira de Obras Públicas Carmen Araquistain e o enxeñeiro aeroespacial Alejandro García, e orientada a satisfacer baixo demandada servizos e materiais de fabricación, vén de acadar o primeiro premio do Explorer Space Lugo, un foro de emprendemento promovido na sede universitaria luguesa ao abeiro do programa do Santander. Na última edición deste foro de emprendemento mozo tomaron parte 45 persoas de entre 18 e 31 anos que, logo dun intenso proceso de aprendizaxe e maduración de ideas de negocio, auspiciaron 16 proxectos empresariais innovadores.
O tribunal encargado de valorar a calidade, así como o nivel de madurez, o grao de viabilidade e as oportunidades de negocio das propostas presentadas na última edición deste programa coñeceu as diversas iniciativas de negocio agromadas no marco dunha sesión de posta en común dos proxectos que vén de celebrarse na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo. Así, logo de asistir á presentación dos 16 proxectos finalistas e tras a correspondente deliberación, o xurado, integrado polo director da Área de Valoración e Transferencia de Tecnoloxía da USC, José Luis Villaverde; o director de Actividades en Lugo Open Factory, Xosé L. Garza Silvela; o CEO de Innogando, Elio López García; o director da oficina do Banco Santander no Campus de Lugo, Javier Caldeiro, e José Martínez Casal, da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, outorgou a súa máxima cualificación á proposta de negocio Anzol, presentada por Carmen Araquistain e Alejandro García Soto.
A adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, a profesora Elvira López Mosquera, que tamén participou na sesión de clausura deste programa de emprendemento, animou aos promotores e promotoras a continuar a traballar nas súas respectivas ideas, ao tempo que destacou a alta calidade de todas as candidaturas. Neste mesmo senso, a técnico da AVTE da USC na sede universitaria luguesa, Patricia González Alonso, precisou que as valoracións do xurado estiveron moi igualadas. Asemade, manifestou o seu agradecemento á Fundación CEL, Lug Open Factory, Innogando e Medrar Smart Solutions e á spin off da USC Situm.
Candidaturas premiadas
Os promotores de Anzol, que resultou ser a candidatura gañadora, pretenden contribuír a que a fabricación estea ao alcance de todos. Daquela, o marketplace que propoñen serviría para conectar a deseñadores de produto, enxeñeiros e creadores de servizos de fabricación de xeito sinxelo, rápido e eficaz, o que depararía novas oportunidades de negocio para os fabricantes.
Os gañadores deste certame poderán escoller como agasallo unha estadía nun polo de innovación de Oporto (a programación da viaxe retrasaríase ata 2022 por mor da COVID-19) ou gozar dun programa de formación específico durante dúas semanas, durante as que terían a oportunidade de mellorar competencias no eido do emprendemento da man de titores especializados.
O proxecto Orixe Slow Bree, unha iniciativa de negocio que conxuga de xeito equilibrado saúde, lecer e coidado do planeta, promovida polas biólogas Ana Pequeño, Sarah Bott e Adriana Anido, ademais de pola experta en márketing Belén Figaredo, mereceu o segundo premio neste certame. Trátase dunha empresa sustentable dedicada á fabricación artesanal de produtos probióticos naturais. As promotoras de Orixe Slow Bree apostan pola innovación e a reutilización dos envases e salientan o seu compromiso co coidado do persoal, a calidade da materia prima e o mimo ao detalle. Un dos sus produtos estrela é Orixe Ginger Beer, unha bebida probiótica artesanal feita a base de xenxibre. As promotoras desta iniciativa recibiron como agasallo cadanseu smartwach.
O terceiro galardón deste certame recaeu na proposta Peral Project, presentada polos estudantes do grao en Robótica Ergin Kamberov e César Abilleira, que recibiron como agasallo cadanseu auricular inalámbrico. Este proxecto baséase no desenvolvemento de asistentes virtuais de conversación a través de procesos de intelixencia artificial. Peral traballa cunha intelixencia desenvolvida e entrenada pola rede neuronal na nube e avanza na relación entre o ser humano e a máquina.