A XXVII Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades recupera a súa modalidade presencial

Santiago de Compostela será a sede da XXVII Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades (GCU) que se desenvolverá do 13 ao 14 de setembro e na que a USC actuará como institución anfitrioa. Os membros do Comité Executivo do GCU, reunidos en liña o pasado 11 de maio, apostaron polo regreso á modalidade presencial coincidindo coa celebración do Ano Santo Xacobeo 2021. Ademais, dende a organización do evento habilitarase un sistema de participación en liña, a fin de facilitar a asistencia daqueles representantes das universidades socias que non poidan viaxar.
Proximamente, os reitores das universidades da rede recibirán a invitación oficial ao evento e información sobre as cuestións de organización loxística. Como é habitual, para o primeiro día está prevista a reunión do consello xeral, mentres que a segunda xornada concentrará as sesións académicas. Así, os ‘Diálogos Compostela na Educación Superior’ poñerán o foco este ano no reto que supón vincular os estudos humanísticos e científico-técnicos. En canto aos ‘Compostela Café’, neles analizarase como construír as universidades para o futuro.
Igualmente, no marco do evento celebraranse as cerimonias de entrega do XXV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, X Concurso Internacional de Vídeo e V Concurso de Pitches de Investigación do GCU. O programa preliminar da XXVII Asemblea Xeral do GCU xa está dispoñible na páxina web.