Enxeñeiros do Campus de Lugo e Larsa ‘universalizan’ sabores dos pastos galegos

Tres enxeñeiros agrónomos e alumnos do máster en Enxeñaría Agronómica na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo da USC universalizan os sabores dos pastos de Galicia a través dunha nova gama de iogures que vén de sacar ao mercado a láctea galega Larsa e que replican sabores “únicos e orixinais” de flores silvestres que cada primavera enchen de color os prados, como o son o toxo, verbena, sabugueiro ou a violeta.
A comercialización da nova liña de iougures ‘Flores de los Pastos’, a través dos que Larsa busca transportar e facer partícipe á cidadanía das emocións que deparan as verdes paisaxes Galicia, implica tamén a materialización definitiva da innovadora e atrevida idea coa que Roberto López (A Coruña), Brais Pérez (O Pino) e Antón Polo (Chantada) gañaron a segunda edición do certame Innovación en Alimentación Saludable Impulsando Galicia, un concurso promovido pola Corporación Peñasanta, a través da súa factoría Larsa, coa pretensión alimentar e facer visible o talento de estudantes e titulados universitarios de toda España, así como calquera outra idea innovadora.
A conquista deste certame de innovación alimentaria ao que este grupo de enxeñeiros agrónomos concorría por segunda vez logo de resultar finalistas na primeira edición é o resultado dun proceso que, desde un primeiro momento, naceu coa idea de conxugar nun produto alimenticio o concepto de innovación cos valores da marca de Galicia que nos transmitiron de sempre na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, comentan.
A necesidade de harmonizar vangarda e tradición galego levounos a mudar as flores que tiñamos pensado nun primeiro momento por outras que teñen máis pegada e agochan un maior simbolismo arredor de Galicia, engadiron. A flor de toxo ben pode considerarse un símbolo paisaxístico do campo galego, no que, aínda que resulten menos populares, tamén están moi presentes outras plantas como o sabugueiro, a verbena ou mesmo as violetas.
Unha vez definidas as nosas preferencias e logo de superar as primeiras fases de selección nas que o persoal de Larsa entendeu que a nosa proposta se axustaba á folla de ruta desta marca galega, todo colleu máis velocidade, comentan estes tres enxeñeiros agrónomos, que nada máis saír das aulas da EPS de Enxeñaría xa están a gozar da súa primeira experiencia laboral en diversas empresas do sector alimentario, “un ámbito en plena efervescencia innovadora e de emocións”.
Sabores para todos os gustos
Os autores ‘intelectuais’ da nova liña de iogures comercializados por Larsa admitiron a dificultade de definir os sabores destes novos produtos, pero incidiron en que “estamos convencidos de que van ter moi boa acollida por parte do consumidor, xa que se trata de propostas diferenciadas que poden resultar do agrado de calquera tipo de padal”.

