Pasar al contenido principal

Universidade de Verán 2021

'A Ribeira Sacra: Paisaxe, patrimonio, gastronomía e terra de viños (Ribeiras do Miño)'

19/07/2021 - 9.30 horas

Monforte de Lemos
Casa da Cultura

Volta a Universidade de Verán tras ser suspendida en 2020, por primeira vez en máis de trinta anos, a causa da pandemia da COVID-19

Paisaxe da Ribeira Sacra
Paisaxe da Ribeira Sacra

O curso ‘A Ribeira Sacra: Paisaxe, patrimonio, gastronomía e terra de viños (Ribeiras do Miño)’, organizado e dirixido por Ignacio J. Díaz-Maroto Hidalgo, trasladará a Universidade de Verán 2021 ao salón de actos da Casa de Cultura de Monforte de Lemos do 19 ao 23 de xullo. As persoas interesadas en consultar o programa poden facelo a través desta ligazón.

Os obxectivos deste programa estival pasan por afondar sobre o coñecemento sobre a Ribeira Sacra, un territorio cun patrimonio que abrolla por todas partes, con fondas tradicións e insólitas paisaxes. O cometido xeral é seguir descubrindo o seu patrimonio, a súa etnografía, as súas paisaxes e, por suposto, a gastronomía e seus afamados caldos, cunha referencia particular ás Ribeiras do Miño. Todo isto, acrecentado pola candidatura oficial da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

Este curso da Universidade de Verán 2021, para a que se ofrecen un máximo de 40 prazas, está estruturada en 36 horas lectivas, que se desenvolverán en quenda de mañá e tarde. As persoas matriculadas recibirán cadanseu diploma acreditativo unha vez rematadas as sesións programadas. A USC recoñecerá a asistencia a este curso con dous créditos ECTS para o seu alumnado de grao.

O prazo de matrícula neste seminario da Universidade de Verán 2021, que conta con financiamento da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Monforte de Lemos, permanece aberto ata o 9 de xullo. O prezo da inscrición é de 70 euros, aínda que a USC ofrece unha taxa reducida de 40 euros a estudantes universitarios, de bacharelato ou de formación profesional, pensionistas, desempregado/as, socios da Asociación de Antigos Alumnos da USC e PDI e PAS da USC.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.05.2021.