Pasar al contenido principal

O ‘Findecurta’ cita en Lugo máis de 70 creadores audiovisuais en galego

Cortinilla do sexto maratón de cinema 'Findecurta'
Cortinilla do sexto maratón de cinema 'Findecurta'
Unha sesión telemática, conducida polo coordinador da sexta edición do certame artístico promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, Bruno Maez, abre este venres un certame orientado a idear, filmar e producir unha curtametraxe en 82 horas
Lugo, Santiago de Compostela

O Espazo de Cine da Área de Cultura da USC impulsa a creatividade audiovisual da mocidade dunha nova edición do maratón ‘Findecurta’, un certame promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural e a prol do cinema en galego que bota a andar este venres, a partir das 20.30 horas. O coordinador deste maratón de cinema, Bruno Maez, e a encargada da oficina de Cultura da USC no Campus de Lugo, Paloma Lugilde,  aproveitarán esta sesión informativa que se desenvolverá de xeito telemático a través da plataforma Zoom para explicar aos máis de 70 participantes, as particularidades polas que se rexe este foro de creación audiovisual en galego.

Unha vez rematado este primeiro encontro de carácter informativo e durante o que cada un dos equipos inscritos coñecerá a temática, o xénero e algún dos elementos estruturais que deben incluír as súas respectivas creacións, os creadores participantes no VI Findecurta, disporán de pouco máis de 80 horas para idear e producir as súas respectivas curtametraxes, propostas que deberán enviar antes das 10.30 horas do martes 8 de xuño ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es).

As curtas presentadas a concurso deberán compartir varios elementos e cumprir os retos fixados na sesión informativa, segundo subliña o comisario de Findecurta. Bruno Máez explica neste senso que, independentemente do xénero (aventura, acción, terror, drama, musical, bélico, western...) determinado por sorteo, as curtas terán que incluír determinados elementos, frases, personaxes...

Xurado, proxección de curtas e premios

Unha vez finalizada a maratón audiovisual e tras recibir todas as propostas presentadas a concurso, o xurado analizará e avaliará todas as curtas, que se proxectarán ao público o 6 de xullo nunha gala que se celebrará, a partir das 20.30 horas, no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo.

A entrega dos galardóns ás dúas mellores propostas desenvolverase ao remate da gala, cando o xurado do VI Findecurta emitirá o seu fallo e dará a coñecer a cinta gañadora, cuxos autores recibirán como premio unha gratificación en metálico de 500 euros, ademais da posibilidade de participar coa súa curtametraxe na 43ª Semana de Cine de Autor de Lugo, na que competirá polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.

Asemade, os autores da curta máis valorada polo público presente na sala tamén recibirán como agasallo a posibilidade de presentar e competir polo premio do público na  próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.06.2021.