Galicia sumará o próximo curso once anos seguidos cos prezos medios de matrícula universitaria máis baixos de España

O Consello Galego de Universidades informou favorablemente sobre a conxelación dos prezos públicos por décimo primeiro ano consecutivo. Deste xeito, Galicia volverá ter o próximo curso 2021/2022 os prezos medios máis baratos de España, consolidándose como unha referencia neste eido. A comunidade galega alberga o prezo medio do crédito máis baixo de España, ademais de que ese prezo de primeira matrícula é o mesmo xa se trate de grao, máster habilitante ou calquera outro tipo de máster oficial.
A través deste decreto de prezos públicos fíxase tamén a data do inicio do curso 2021/2022 nas tres universidades do SUG para o día 6 de setembro. Tendo en conta que, unha vez estabilizada a pandemia, as probas extraordinarias da ABAU realízanse os días 13, 14 e 15 de xullo, este alumnado poderá incorporarse ás clases para aproveitar o primeiro cuadrimestre na súa totalidade.
Adscrición do CSHG
A adscrición do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) á USC será unha realidade a partir do curso que vén ao abeiro do aprobado na reunión. Na actualidade este centro está vinculado á institución compostelá mediante convenio asinado o 15 de setembro de 1995, polo que se recoñece ao CSHG como centro vinculado á Universidade e imparte o título de Diploma Superior en Xestión Hoteleira como título propio da USC. Logo de analizar o expediente remitido pola institución compostelá, unha vez que conta co informe favorable da ACSUG, emitido o 16 de abril de 2021, deuse luz verde a esta adscrición.
Os estudos que se imparten actualmente no CSHG constitúen a única oferta de estudos superiores no sector da hostalaría en Galicia e dende a USC valórase positivamente o proceso de formación de profesionais neste campo, cubrindo a deficiencia na oferta formativa da comunidade autónoma de Galicia que non contempla na actualidade ningún título universitario oficial neste eido.
Titulacións a implantar
A reunión tamén abordou as titulacións a implantar no SUG que no caso da USC son o grao en Xestión Cultural; así como os mestrados universitarios en Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais (proxecto POCTEP UNISF), conxunto coa Universidade do Minho; Desafíos das Cidades Atlánticas (proxecto POCTEP UNISF) conxunto coa UDC e UVIGO; Tecnoloxías en Márketing e Comunicación Política; Sistemas Aéreos Non Tripulados, conxunto coa UVIGO; Xerontoloxía, conxunto coa UDC; e Xornalismo e Comunicación Multimedia: Novas Tendencias en Produción, Xestión e Difusión do Coñecemento. No relativo a programas de doutoramento, implantaranse Matemáticas e Aplicacións (proxecto POCTEP UNISF) conxunto coa UDC e UVIGO; e Agricultura e medio ambiente para o desenvolvemento.