A Deputación apoia o desenvolvemento do Campus de Lugo cunha achega económica de 370.000 euros
O reitor da USC, Antonio López Díaz, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca, asinaron este martes un novo convenio a través do que a institución provincial achega na presente anualidade 370.000 euros á USC para seguir a potenciar o Campus de Lugo, “unha cidade que non sería universitaria sen o decidido apoio e a permanente contribución da súa Deputación Provincial”, salientou o reitor.
O importante acordo materializado pon de manifesto o firme compromiso da Deputación coa educación pública e de calidade, dixo Tomé, ao tempo que engadiu que “ningunha outra Deputación de Galicia, nin probablemente de España, fai un esforzo económico semellante en favor dunha universidade”.
O presidente provincial, que se referiu a esta nova achega á USC como “un investimento, non como un gasto”, expresou o seu convencemento de que os recursos económicos aportados dan un soporte transversal á actividade que desenvolve a USC na sede universitaria luguesa, ao tempo que favorecen a “realización de proxectos de mellora da calidade docente, innovación e de desenvolvemento do rural, ademais de contribuír á conservación e mellora das infraestruturas universitarias”
O respaldo económico que a Deputación de Lugo ofrece á USC a través deste acordo é importante, pero non é o único, dixo Tomé, para logo referirse, entre outras actuacións, á granxa experimental de vacún de leite posta en marcha en Castro de Ribeiras de Lea.
O reitor da USC, que cualificou de “xeneroso” este novo acordo coa Deputación de Lugo, destacou a permanente colaboración do organismo provincial coa sede universitaria luguesa, tal e como o corrobora a súa presenza no padroado da Fundación Rof Codina, que dá soporte ao hospital veterinario que ten unha importancia vital para a Facultade de Veterinaria.
Finalidade dos recursos
Respecto da finalidade dos recursos consignados neste convenio, Antonio López explicou que estes fondos permitirán avanzar na progresiva mellora da calidade da docencia e na organización de prácticas para o alumnado. A mellora e rehabilitación das infraestruturas universitarias tanto docentes como investigadoras e de extensión universitaria, a consolidación das estruturas científicas e de transferencia de coñecemento, a divulgación científica e a transferencia de coñecemento, ademais do impulso da docencia dixital, constitúeno amplo abano de actuacións cara as que se canalizarán as partidas económicas habilitadas a través deste convenio.
O reitor da USC sinalou asemade que o compromiso da Deputación de Lugo coa USC e nomeadamente coa sede universitaria luguesa transcende este tipo de convenios, xa que a colaboración do organismo provincial tamén se antolla fundamental para o desenvolvemento doutros grandes proxectos, como é o traslado da Facultade de Formación do Profesorado aos terreos do campus universitario.
Esta actuación resultaría imposible de non contar coa cesión dos terreos que son propiedade da Deputación Provincial de Lugo, lembrou Antonio López nun acto no que tamén participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o xerente da USC, Javier Ferreira. Os deputados provinciais Pilar García Porto, Ana González Abelleira e Pablo Rivera Capón tamén estiveron presentes na sesión celebrada nos xardíns do lugués Pazo de San Marcos.