Pasar al contenido principal

O Concello de Lugo reforza as conexións de bus co campus e crea liñas desde a Escola de Enfermaría ao HULA

Rubén Arroxo e Montserrat Valcárcel, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo
Rubén Arroxo e Montserrat Valcárcel, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo
Rubén Arroxo presenta á vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, os cambios realizados no servizo de transporte urbano na capital luguesa para mellorar a integración da sede universitaria na cidade
Lugo

O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou esta mañá á vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, as novas liñas de transporte urbano, a través das que se reforzan as conexión de bus entre os distintos barrios da capital luguesa co campus universitario, ao tempo que se habilitan liñas directoras entre a Escola Universitaria de Enfermería e o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Arroxo detallou no marco dun encontro celebrado la Vicerreitoría de Coordinación de Lugo que o novo modelo de transporte urbano lugués amplía as conexións co campus e incrementa as frecuencias ao pasar das catro liñas existentes ás oito actuais. “A maioría das queixas co antigo modelo de transporte estaban relacionadas co tempo de espera entre buses, que chegaba a ser dunha hora”, lembrou Arroxo, para logo engadir que “coas novas liñas sae un bus do campus aproximadamente cada cuarto de hora, o que soluciona o problema trasladado desde a comunidade universitaria”.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo sinalou que a mellora da mobilidade entre o Campus e a cidade favorece a integración da sede universitaria na trama urbana luguesa e redunda en beneficio de toda a sociedade. Asemade, Valcárcel fixo fincapé na conexión directa entre a Escola Universitaria de Enfermaría e o HULA, un novo servizo que, segundo precisou Arroxo, permitirá “que o alumnado de Enfermería poida desprazarse en bus urbano desde a súa escola ata o hospital para realizar prácticas”.

Rubén Arroxo aproveitou a presencia na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para animar ás persoas que conforman a comunidade universitaria luguesa a obter a tarxeta cidadá para aforrar na viaxe en bus. Arroxo lembrou que, no caso das estudantes, o prezo do transporte urbano está bonificado, polo que o custe do bono ordinario é de 31 céntimos de euro, mentres que o do transbordo redúcese a 0,19 euros, taxas que fan que este servizo sexa un dos máis baratos de España, afirmou.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2021.