Pasar al contenido principal

‘Na Bocanoite’ mantén viva a oferta cultural ao aire libre en Lugo

Imaxe promocional do single 'Midas', de Tanxungueiras
Imaxe promocional do single 'Midas', de Tanxungueiras
Tanxungueiras, Marcos Teira, Proxecto Lorca e Caamaño&Ameixeiras completan o cartel do ciclo musical programado ao abeiro do ‘Lugo Cultural’ e que transformará en escenario a solaina da Casa do Saber todos os mércores do mes de xullo
Lugo

O ciclo musical ‘Na Bocanoite’, incluído na programación cultural deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, xestionado pola USC e que tamén conta co apoio económico do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo, manterá viva a oferta cultural ao aire libre na capital luguesa durante o mes de xullo coa celebración de catro concertos ao vivo que transformarán a solaina da Casa do Saber en escenario e o adro da catedral en espazo de lecer.

Tanxungueiras, o trío de pandeireteiras e cantareiras galegas creado hai xa un lustro por Aida Tarrío e as xemelgas Olaia e Sabela Maneiro, abrirá o 7 de xullo, ás 20.30 horas, a segunda edición do ciclo ‘Na Bocanoite’, cun espectáculo sonoro que servirá asemade para presentar ao público lugués o seu último traballo, ‘Midas’, un disco no que estas valentes, fortes e empoderadas cantareiras da nova década mesturan a tradición e a vangarda.

Este disco leva o nome dun tema homónimo, a través do que Tanxungueiras dá conta do seu poderío e da súa enerxía, ao tempo que xira cara a fusión da súa música con estilos máis urbanos, próximos ao trap ou á música electrónica, un camiño que xa comezan a explorar no anterior álbum.

Marcos Teira será o protagonista de ‘Na Bocanoite’ o 14 de xullo, data na que está programado o concerto de presentación de ‘Nós’, o último disco do guitarrista nado en Pobra do Caramiñal. Neste traballo, Marcos Teira conta coa colaboración musical de Alfonso Calvo (baixo), Moisés Fernández (percusión) e Alejandro Vargas (piano).

A última achega musical de Marcos Teira supón o peche dun círculo comezado hai xa 25 anos e que o levou a percorrer escenarios por todo o mundo. Daquela, neste álbum, o sétimo do guitarrista da Pobra, Teira pasa temas de jazz polo filtro do flamenco, outra das súas grandes paixóns.

O ciclo ‘Na Bocanoite’ ofrecerá ao público lugués e tamén aos visitantes que se acheguen ata a cidade amurallada na tardiña do 21 de xullo a posibilidade e gozar dos poemas musicados de Lorca. Nesta nova entrega do chamado ‘Proxecto Lorca’, o elenco de intérpretes estará conformado por Noeila Geada e David Taboada, Nebra, Infrarroja, Muruáis e Monsal e Condensadores de Fluzo.

O dúo Caamaño&Ameixeiras, integrado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz), pechará o 28 de xullo a nova entrega de ‘Na Bocanoite’, unha iniciativa cultural que agromou desde Lugo Cultural como alternativa para achegar a cultura e as creacións de artistas galegos ao público e que, logo do éxito colleitado na súa edición de 2020, semella terse consolidado como un programa acaído e atractivo para o verán lugués.

As catro actuacións programadas no marco do ciclo ‘Na Bocanoite’ comezarán ás 20.30 horas. A entrada aos concertos, cuxo aforo pode verse condicionado pola situación sociosanitaria derivada da pandemia causada pola COVID-19 é gratuíta, aínda que se require solicitar convite con antelación. Daquela, as persoas interesadas deberán tramitar a súa petición de entradas a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982 821513. O aforo é limitado para todos os concertos e en caso de choiva, as actuacións trasladarán a súa sede ao auditorio municipal Gustavo Freire.

‘Findecurta’

O certame ‘Findecurta’, unha convocatoria a prol do cinema en galego promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural celebrará o vindeiro 8 de xullo, a partir das 20.30 horas, a cerimonia de entrega de premios da súa sexta edición no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo no marco dunha gala na que o público asistente poderá visualizar todas as propostas presentadas a esta edición do certame.

A entrega dos galardóns ás dúas mellores propostas desenvolverase ao remate da gala, cando o xurado do VI Findecurta emitirá o seu fallo e dará a coñecer a cinta gañadora, cuxos autores recibirán como premio unha gratificación en metálico de 500 euros, ademais da posibilidade de participar coa súa curtametraxe na 43ª Semana de Cine de Autor de Lugo, na que competirá polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.
Asemade, os autores da curta máis valorada polo público presente na sala tamén recibirán como agasallo a posibilidade de presentar e competir polo premio do público na  próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo.

As persoas interesadas en asistir como público a esta festa do cinema galego da man de novos creadores poden solicitar os seus convites de balde a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). Tamén se pode acadar máis información a través do número de teléfono 982 821 513.

 

Cartaz do ciclo 'Na Bocanoite'
Cartaz do ciclo 'Na Bocanoite'
Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.06.2021.