María José Alonso, novamente recoñecida pola súa traxectoria nanotecnolóxica

A catedrática da USC María José Alonso acaba de ser recoñecida co primeiro premio de Nanotecnoloxía que concede a empresa NOB166. A investigadora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) foi galardoada nun acto celebrado este xoves na Real Academia de Medicina de Madrid, pola súa dedicación ao sector nanotecnolóxico.
“A galardoada Mª José Alonso Fernández destaca no seu labor de investigación en proxectos en colaboración con grupos americanos, canadenses e europeos no desenvolvemento dunha vacina fronte ao VIH. A súa achega céntrase no desenvolvemento de nanosistemas transportadores das vacinas”, destacou o xurado na súa deliberación.
Traxectoria
María José Alonso é catedrática de Biofarmacéutica e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, onde entre os anos 2006 a 2010 foi vicerreitora de Investigación e Innovación. Traballou como científica visitante na Universidade de Paris XI, (1986-87), na Universidade de Angers, Francia (1989) e no MIT, Estados Unidos, durante 1991-1992 e en 2012.
O seu laboratorio ten tres décadas de experiencia na formulación de macromoléculas, é dicir, péptidos, proteínas, antíxenos, anticorpos monoclonais e polinucleótidos, utilizando sistemas de administración baseados en polímeros, alén de ser pioneira en numerosos descubrimentos no campo da nanotecnoloxía farmacéutica e a nanomedicina. María José Alonso coordinou varios consorcios de investigación financiados pola OMS, a Fundación Gates e a Comisión Europea.
A profesora Alonso é, asemade, inventora de 22 familias de patentes, a maioría delas con licenza para a industria e é parte de dúas start-up. Traballou na Controlled Release Society (CRS), a sociedade científica líder a nivel mundial na área da liberación controlada de fármacos e a nanomedicina, durante quince anos; e foi presidenta da mesma entre 2017 e 2019. Tamén é editora en xefe de Drug Delivery and Translational Research, unha revista oficial da CRS, alén de formar parte do consello editorial de doce revistas científicas.
Recibiu máis dunha trintena de premios, entre eles a Medalla á Excelencia en Investigación e Educación outorgada polo Goberno de España, o Premio Jaime I, a Medalla Castelao que concede a Xunta de Galicia, e outros premios outorgados por organismos e fundacións científicas.
É membro do College of Fellows do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE) e Fellow da Controlled Release Society, membro de dúas academias en Galicia, a Real Academia de Farmacia de España (RANF) e tamén membro da Academia Nacional de Medicina de EE. UU. Recentemente, María José Alonso ingresou na Academia Nacional de Medicina de Bélxica.