Pasar al contenido principal

Javier Solana, galardoado co XXV Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia no que toma parte a USC

A USC forma parte do Grupo Compostela de Universidades. FOTO: Santi Alvite
A USC forma parte do Grupo Compostela de Universidades. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López participou no xurado do certame que acordou recoñecer a traxectoria internacional e o “permanente compromiso social” deste político que contribuíu ao “desenvolvemento dos valores europeos da cooperación, integración, diversidade, tolerancia e unidade que rodean” a ruta de peregrinación
Santiago de Compostela

O xurado do XXV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, no que tomou parte o reitor Antonio López, acordou conceder este galardón ao ex ministro español de Cultura Javier Solana de Madariaga pola “súa actuación en favor dos principais fitos da ruta xacobea”, entre os que sobresae a cerimonia organizada en 1987 con motivo da declaración do Camiño de Santiago como primeiro itinerario cultural europeo por parte do Consello de Europa. Ademais, os membros do xurado destacan no ditame o seu “permanente compromiso social” e a súa traxectoria internacional, ao longo da cal contribuíu ao “desenvolvemento dos valores europeos da cooperación, integración, diversidade, tolerancia e unidade que rodean” a ruta de peregrinación.

Ao comunicarlle a decisión, o premiado declarou que “sempre mantivo unha relación especial con Santiago, a cidade e o Camiño”. Asemade, manifestou o seu desexo de que “Santiago continúe sendo un lugar tranquilo, de conversación serena e de paz”. A celebración da cerimonia de entrega está prevista para o 13 de setembro no marco da XXV Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades, que este ano organizará a USC. Nesta cerimonia recibirá unha cuncha de ouro, emblema da rede de institucións de Educación Superior, e un premio en metálico de 6.000 euros.

Francisco Javier Solana de Madariaga, catedrático en Ciencias Físicas pola Universidade Complutense de Madrid, foi ministro de Cultura de España (1982-1988), de Educación e Ciencia (1988-1992), e de Asuntos Exteriores (1992-1995). Ademais de secretario xeral da OTAN (1995-1999), Alto Representante de Política Exterior e de Seguridade Común da Unión Europea (1999-2009) e Comandante en Xefe da EUFOR (1999-2009).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.07.2021.