Pasar al contenido principal

Un workshop sitúa a EPS de Enxeñaría á vangarda da teledetección próxima terrestre para aplicacións forestais

De esquerda a dereita, Ulises Diéguez, Montserrat Valcárcel, José Luis Díaz e César Pérez, na EPS de Enxeñaría
De esquerda a dereita, Ulises Diéguez, Montserrat Valcárcel, José Luis Díaz e César Pérez, na EPS de Enxeñaría
Máis de 70 participantes de 9 países participan ata o venres no Campus de Lugo nun workshop que busca achegar ferramentas innovadoras ao sector forestal ao tempo que favorece a transferencia de coñecementos a empresas, técnicos propietarios
Lugo

Máis de 70 persoas procedentes de nove países participan ata o venres na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo nun workshop sobre teledetección próxima terrestre para aplicacións forestais, un foro pioneiro a nivel nacional promovido polos grupos de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) e Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (Uxafores) da USC que converterá o centro universitario lugués ata o venres nun escaparate de presentación e posta en común dos principais avances científico-técnicos experimentados no eido destas tecnoloxías (sensores láser, escáner terrestre (TLS) e de localización simultánea e mapeo (SLAM) e demais sensores ópticos, térmicos ou doutro tipo nos que a captura de datos se realice a nivel de chan) para aplicacións forestais.

O coordinador desta reunión científica, na que toman parte docentes, investigadores, estudantes, técnicos das administracións, usuarios finais destas tecnoloxías con aplicación no ámbito forestal, ademais dos principais fabricantes do sector, o profesor e investigador na EPS de Enxeñaría César Pérez Cruzado, salientou a boa acollida deste programa, a través do que, subliñou, se pretende abundar sobre o coñecemento e as posibilidades aplicadas que ofrecen estas tecnoloxías, ademais de transferir coñecemento aplicado.

Pérez Cruzado realizou estas declaracións no marco da sesión inaugural do workshop, cuxas sesións se poden seguir de forma presencial e tamén de xeito telemático. A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, José Luis Chan, e o coordinador do máster en Enxeñaría de Montes da USC, Ulises Diéguez Aranda, tamén participaron no acto inaugural dun taller promovido ao abeiro da convocatoria de axudas lanzada pola Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo con fondos da Deputación Provincial de Lugo.

O programa deste congreso, cuxo comité científico admitiu a presentación de 18 comunicacións específicas sobre esta temática, está estruturado en relatorios, que se desenvolverán en quenda de mañá, mentres que pola tarde haberá sesións prácticas de toma de datos en campo e procesado dos mesmos no ordenador con distintas tecnoloxías (ForEstereo, TLS, LiDAR SLAM e Fotogrametría Terrestre Próxima).

A apertura deste foro científico serviu para facer visible a aposta do Campus Terra polo sector primario e nomeadamente o ámbito forestal, segundo salientou a vicerreitora Montserrat Valcárcel. Asemade, o director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, subliñou que este programa pon tamén de manifesto a importancia que ten o sector forestal en Galicia. De feito, José  Luis Díaz precisou que “o 69% do territorio de Galicia é de carácter rural. As masas de árbores representan un 4% desta superficie e permiten que Galicia lidere a produción de madeira en España, xa que a metade da madeira cortada procede dos montes galegos”, dixo.

 

Asistentes presenciais ao congreso celebrado na EPS de Enxeñaría da USC
Asistentes presenciais ao congreso celebrado na EPS de Enxeñaría da USC
Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.09.2021.