Pasar al contenido principal

IV Premio Luís Porteiro Garea

Antonio Rigueiro recibe o galardón na EPS de Enxeñaría

16/09/21 - 12.30 horas

Lugo
Salón de Actos da EPS de Enxeñaría

O reitor da USC, Antonio López, preside a entrega do galardón no marco dunha cerimonia que se desenvolverá ás 12.30 horas no salón de actos do centro universitario lugués

Antonio Rigueiro, na EPS de Enxeñaría
Antonio Rigueiro, na EPS de Enxeñaría

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo Antonio Rigueiro recollerá este xoves o Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso da lingua galega na institución académica. O reitor da USC, Antonio López, presidirá, a partir das 12.30 horas no salón de actos da EPSE, a cerimonia de entrega da cuarta edición dun galardón que lembra a figura e a memoria do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC e secretario do xurado, Manuel Núñez Singala, que dará lectura á acta, tamén intervirán na cerimonia de entrega deste premio, no marco dun acto público no que os tamén docentes da USC na EPS de Enxeñaría, Ana Isabel García Arias e Javier López González, actuarán como ‘padriños’ do galardoado, quen tamén pronunciará un breve discurso.

O reitor Antonio López pechará este acto académico, cuxa celebración tamén se poderá seguir en liña a través desta ligazón. A interpretación do Gaudeamus Igitur, a cargo de músicos da Orquestra da USC, servirá de colofón do acto.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.09.2021.