Nerea Fernández Canto e Olga Vallejo López recibirán os galardóns outorgados no certame promovido polo Ibader xunto co LaboraTE da USC, o martes 28 de setembro, no marco dunha cerimonia que se desenvolverá en liña e que inclúe un relatorio da investigadora da Universidade de Porto Ângela Lomba

A cerimonia de entrega dos galardóns da cuarta edición dos Premios Rafael Crecente a Propostas Innovadoras en Xestión Territorial desenvolverase en liña o martes 28 de setembro, a partir das 12.00 horas. A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, será a encargada de abrir este acto, que comezará cun relatorio a cargo da investigadora do Centro de Investigación e Biodiversidade e Xenética da Universidade de Porto Ângela Lomba.
O xurado desta edición do premio destacou a alta calidade das propostas recibidas e acordou distinguir a candidatura presentada por Nerea Fernández Canto, que acadou o primeiro dos galardóns establecidos nas bases da convocatoria e dotado cunha gratificación en metálico de 2.000 euros, ademais de diploma acreditativo, co traballo ‘Verificación dun sistema que garanta a orixe das fariñas e do pan de trigo autóctono de Galicia mediante o uso de marcadores moleculares e técnicas microscópicas’. A segunda candidatura máis valorada polo tribunal responsable de fallar os IV Premios Rafael Crecente de Propostas Innovadoras de Xestión territorial é a presentada baixo o título ‘Proposta de proxecto permacultural: Espiral Crecente’. A autora desta proposta, Olalla Vallejo López recibirá como agasallo unha gratificación en metálico de 1.000 euros, ademais de diploma acreditativo.
Aquelas persoas interesadas neste evento poderán participar ou seguir o acto a través da canle de Youtube do Laboratorio del Territorio da USC ou na plataforma telemática Zoom. A sesión contará con interpretación simultánea a inglés.