O servizo de Participación e Integración organiza un curso de formación de persoas promotoras da doazón de sangue

O Servizo de Participación e Integración Universitaria organizará nos campus de Santiago e de Lugo un curso de formación de persoas promotoras da doazón de sangue na USC. Esta actividade formativa desenvólvese no marco do convenio de colaboración coa Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) e está dirixida ao conxunto da comunidade universitaria.
O programa previsto inclúe a realización de exercicios prácticos para a súa posterior aplicación e posta en práctica a través das tarefas de voluntariado informativo que se desenvolverán nas campañas de doazón a desenvolver nos campus, en dúas fases, a primeira no mes de novembro próximo e a segunda entre marzo e abril do vindeiro ano. Os membros da comunidade universitaria que decidan participar neste programa de voluntariado prestarán apoio en todas as tarefas desenvolvidas arredor das xornadas de recollida de sangue en cada facultade. Na sesión teórica aludirase a conceptos introdutorios en planificación estratéxica e márketing social aplicado a un exemplo práctico relacionado coas campañas de doazón.
#reto5000
A USC colabora neste tipo de iniciativas da administración autonómica dende 1993, tempo no que os campus de Santiago e Lugo acumulan mais de 80.000 doazóns de sangue. Neste curso a USC súmase un ano máis á iniciativa que acaba de principiar co lema #reto5000, e cuxo obxectivo é superar a cifra das 5.000 doazóns de sangue nas universidades galegas. Só na USC e ao longo do curso pasado, rexistráronse 1.472 doazóns, o cal supón un total de 414 doantes novos. Ademais, no conxunto do sistema universitario galego, acadáronse un total de 3.913 doazóns durante o pasado ano académico.