Pasar al contenido principal

Sesión aberta de adestramento do corpo para a práctica teatral da man de Colectivo Glovo

20.10.2021 | 20.00h

Facultade de Veterinaria
Aula de Teatro e Danza

Esther Latorre abre o mércores 20 o programa ‘O Corpo Habitado’, que se prolongará ao longo de dez clases, cunha sesión aberta na Aula de Teatro e Danza do Campus

Movemento de mans. Foto: Carlota Mosquera
Movemento de mans. Foto: Carlota Mosquera

O programa de adestramento do movemento do corpo para a práctica teatral ‘O Corpo habitado’, impartido por Colectivo Globo no marco da programación da Aula de Teatro do Campus de Lugo da USC, bota a andar este mércores 20, a partir das 20.00 horas, nas instalacións da Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria, cunha sesión aberta impartida pola graduada en danza contemporánea Esther Latorre.

O Corpo Habitado é un programa estruturado en dez sesións formativas, que se celebrarán os mércores, de 20.00 a 23.00 horas, na Aula de Teatro e Danza do Campus de Lugo, nas que distintos intérpretes e bailaríns axudarán ao público participantes a mergullar no coñecemento das posibilidades corporais e enerxéticas que ofrecen os seus corpos.

Esta actividade partirá do sentir de cada un cara a exercicios de improvisación e adestramentos físicos, a fin de comprender as posibilidades de alcance do corpo e o seu posterior traslado á escena. As aulas previstas estarán dirixidas por intérpretes da nova produción da compañía Colectivo Glovo, que compartirán o seu entender do movemento e da interpretación con diversos exercicios e secuencias de acción para o adestramento corporal do público participante.

O prazo de inscrición no taller ‘O Corpo Habitado’ permanece aberto. As persoas interesadas en participar nas distintas sesións programadas poden formalizar a súa matrícula a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.gal (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]gal)

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.10.2021.