Un total de 163 estudantes da USC, recoñecidos cos Premios de Excelencia Académica

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a resolución pola que se conceden os Premios de Excelencia Académica ao alumnado de grao universitario oficial que obtivo as mellores cualificacións no curso 2019/20 no Sistema Universitario de Galicia (SUG) en cada un dos cursos de grao —agás o último que conta cun premio específico— e, en cada centro no que se imparta. Un total de 410 estudantes recibirán este galardón, que ten como obxectivo recoñecer o esforzo dos estudantes do SUG, que redunda nunha mellora da calidade para o conxunto do sistema. Dos premiados, 163 son estudantes da USC. Na institución compostelá, a máxima nota acadada, un 10, rexistrouse nas titulacións de Bioloxía, Historia, Medicina, Economía e Mestre de Educación Infantil.
Cada persoa premiada recibe unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción. Ademais, no caso de non esgotarse o crédito existente, asígnase unha contía complementaria de 500 euros ás persoas premiadas que teñen unha nota media igual ou superior a 9, comezando dende os expedientes con maior nota.
En total, o 62% das persoas recoñecidas con estes galardóns son mulleres e o 38% homes. Por rama de coñecemento, o 45% son estudantes de Ciencias Sociais, o 18% de Enxeñaría e arquitectura, o 15% de Ciencias da Saúde, o 13% de Artes e Humanidades e o 9% de Ciencias. Os Premios de Excelencia Académica veñen completar os Premios Fin de Carreira, que cada ano outorga a Consellería de Cultura, Educación e Universidade aos mellores expedientes dos egresados nas universidades do SUG. No curso pasado concedéronse un total de 396 premios fronte aos 410 que se conceden este ano, o que supón un incremento de case un 3%.