USC e Viaqua reafirman a súa vontade de colaboración para fomentar a inserción laboral do alumnado
O fomento da inserción laboral é un dos novos eixos que ampliará a colaboración entre a USC e a empresa Viaqua. A xuntanza mantida este mércores no Colexio San Xerome, entre o reitor Antonio López e representantes desta compañía dedicada ao ciclo integral da auga serviu para reafirmar a vontade de colaboración entre ambas as dúas entidades, a cal leva desenvolvéndose dende hai máis dunha década.
Na reunión, ademais do reitor da USC, participaron Ángel Simón, presidente de Agbar, matriz á que pertence Viaqua; o director executivo Manuel Cermerón, o director de estratexia Ciril Rozman, e Marcos Martín, conselleiro delegado de Viaqua. Algunhas das vías de colaboración que se abordaron no encontro pasan por dar pulo ao emprego no ámbito da formación, desenvolvendo a carreira profesional das persoas egresadas no eido de actuación da empresa. Tamén se puxo o foco no desenvolvemento da carreira profesional no ámbito da investigación aplicada ao ciclo integral da auga e o medio ambiente, grazas á formalización de doutoramentos industriais conxuntos entre USC e a Fundación Centro Galego de Investigacións da Auga, Cetaqua Galicia, en colaboración con Viaqua.
Unha colaboración sustentable
Durante o encontro achegáronse posturas en liña coa Axenda 2030 de Nacións Unidas xa que ambas as dúas entidades defenden un crecemento económico inclusivo e sostido para impulsar o progreso, crear empregos acaídos para todas as persoas e mellorar os estándares de vida. Neste senso, a dilatada traxectoria de colaboración entre USC e Viaqua contribúe á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) marcados pola ONU, en concreto ao ODS 8, sobre traballo decente e crecemento económico; ao ODS 6, auga limpa e saneamento; e ao ODS 17, alianzas para lograr os obxectivos.