Entregados os premios á introdución da perspectiva de xénero e os galardóns Ruth Matilda Anderson de fotografía

Os premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación que este ano chegan á súa duodécima edición recoñeceron este mércores as estratexias incorporadas por María Teresa Díaz García ás aulas de Lingua Española de Comunicación Audiovisual, así como o estudo de María Bastida Domínguez sobre o emprendemento das mulleres. Ambos os dous traballos foron distinguidos co primeiro premio deste certame nas modalidades de docencia e investigación, respectivamente. O acto que se desenvolveu no Salón Nobre do Colexio de Fonseca serviu tamén para facer entrega dos premios de fotografía Ruth Matilda Anderson que na súa oitava edición recoñeceron a fotografía ‘Unha soa voz’ de Rosalía Quiroga Trasorras. Esta imaxe será utilizada pola USC, como cartel conmemorativo do Día Internacional das Mulleres no ano 2022.
O acto estivo presidido polo reitor Antonio López quen subliñou que “o feminismo é cousa de todos e de todas e non ten que ver con ideoloxías, temos que estar de acordo nisto, non pode haber matices”. Actos como este, continuou, “serven para que dende a Universidade se abran portas e se rompan teitos”. Ademais do reitor, tomaron parte no acto, a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; a secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; e a concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón.
Ruth Matilda Anderson
A través do certame Ruth Matilda Anderson, a Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da USC procura sacar á luz o labor historicamente invisibilizado que desenvolven as mulleres na sociedade e contribuír a deconstruír os estereotipos de xénero no relativo a traballos supostamente propios de mulleres ou homes. Baixo esta premisa, a edición 2021 deste galardón concedeu tamén un segundo premio a ‘Profesional’ de Rodrigo Díaz López e a ‘Muller espello’ de Adrián Vázquez Rodríguez. O primeiro premio está dotado de 1.000 euros; 800, para o segundo; e 500, para o terceiro.
“Coa elección de Ruth Matilda Anderson para dar nome a este certame, lémbrase a unha muller que fixo un traballo importante nun campo tradicionalmente desenvolvido por homes, e a súa destacable obra, na que se inclúe o retrato que Ruth Matilda fixo da muller galega dos anos 20”, explican dende a OIX. Ademais, co conxunto de fotografías finalistas —obra das tres persoas gañadoras, así como de María Jesús Varela Pulpeiro, María Caseiro Arias, Laura Rubio Lareu, Guadalupe Jiménez Esquinas, José Carlos Iglesias Gómez, Guadalupe Lorenzo Otero, María Cristina Rueda Lesmes e Yara Martínez Cambra— elaborarase un calendario.
Investigación
O traballo de María Bastida sobre o emprendemento feminino que foi recoñecido co primeiro premio da introdución á perspectiva de xénero en investigación, pretende evidenciar “a fenda entre as políticas públicas e a efectividade, partindo da base de que as accións para mellorar o emprendemento das mulleres deben traducirse nunha crecente participación como propietarias de empresa”, explica a profesora da USC.
Nesta mesma modalidade de investigación, outorgouse un segundo premio a María Teresa Moure Pereiro por “trazar unha historia alternativa e crítica da lingüística, ilustrando a participación das mulleres en oficios e saberes relacionados, como a tradución, a criptografía, a antropoloxía, a sociolingüística ou a filosofía da linguaxe”. Finalmente, o terceiro premio recaeu en Cristina Patiño Eirín pola edición e prólogo dunha escolma de 35 relatos de Emilia Pardo Bazán que xiran en torno á violencia machista e que conforman “un abano moi rico e variado da casuística das violencias contra as mulleres”. “Moitas persoas non sabían desta veta de pensamento e creación tan fecunda en Emilia Pardo Bazán. Hai veces en que dita violencia, ou violencias, son imperceptibles, ninguén as nota, ninguén contesta nin contrarresta o seu efecto. O asunto pode resultar ata cómico. Pero a lectura atenta si que as pon de manifesto, sabémolo ben”, sinalou a investigadora.
Docencia
A experiencia de María Teresa Díaz García nas aulas que foi recoñecida co primeiro premio na modalidade de docencia desenvolveuse “sen informar ao alumnado de que se ía adoptar esa perspectiva e sen pedirlles unha valoración, paréceme que foi a mellor maneira de facelo, xa que igual que o machismo impregna de maneira natural moitas das nosas actividades diarias, sen pedir permiso nin opinión, o feminismo tampouco debe facelo, pois buscar o recoñecemento e o respecto non é sexismo, é un dereito”, explicou a profesora.
As experiencias da introdución da perspectiva de xénero en materias relacionadas coa Intelixencia Artificial (IA), obra de Eva Cernadas García e Manuel Fernández Delgado, recibiron o segundo galardón da modalidade. “A excesiva representación dos homes neste ámbito, tanto no desenvolvemento profesional como na formación en graos, suxire que debemos prestar atención para evitar a xeración de algoritmos nesgados. Polo tanto, nas materias relacionadas coa IA non só serán necesarias competencias éticas e legais xenéricas, senón que tamén se debe incluír a perspectiva de xénero como competencia transversa”, explican.
O terceiro premio desta modalidade recaeu en Pedro Varela Vázquez polas experiencias da inclusión da perspectiva de xénero na docencia dunha materia universitaria de historia económica mundial. “A inclusión da perspectiva de xénero non só consiste en incluír ás mulleres como colectivo dentro do obxecto de estudo da materia, senón tamén en analizar as relacións de desigualdade e subordinación con perspectiva histórica. Deste modo, un mesmo mecanismo de transformación económica pode presentar efectos desiguais en intensidade e sentido, dependendo dos diferentes puntos de partida, así como das relacións formais e informais establecidas a nivel institucional”, sinala Varela Vázquez.
Os traballos recoñecidos tanto na modalidade de investigación como na de docencia, reciben un primeiro premio de 1.000 euros; 750, para os segundos premios; e 500, para os terceiros. Esta iniciativa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ e incluída na ferramenta en liña (GEAR tool) de apoio a organizacións investigadoras na creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero. Esta duodécima edición conta ademais coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela como entidade cofinanciadora dos premios.
