O programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ achega ao alumnado de primaria o labor de científicas referentes

Pór freo aos estereotipos de xénero e á falla de referentes femininos en ciencia e tecnoloxía son os principais obxectivos de ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’, unha actividade desenvolvida ao abeiro do convenio de colaboración en materia de xénero da USC e o Concello de Santiago que chega en 2021 á súa sexta edición.
Encina Calvo, profesora da área de Física Aplicada da USC e Eva Aguayo, responsable da Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da universidade, coordinan este programa que busca sementar nos centros de ensino o xerme para que a elección de titulacións deixe de reproducir o nesgo presente nos roles tradicionais de xénero.
O programa sinala que a pesar da crecente presenza das mulleres no alumnado universitario, a súa distribución é desigual entre as distintas titulacións. En particular, na Universidade de Santiago de Compostela os datos do último diagnóstico de igualdade amosan que no curso 2019-20 as alumnas son un 62,83% do total do estudantado de titulacións de grao. Porén, unha ollada á súa presenza nas titulacións do ámbito das CEMT (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) revela que os estereotipos vencellados ao xénero continúan a marcar as súas escollas. Así, as mulleres ocupan apenas o 31,22% na área de enxeñaría, o 22,73% no dobre Grao en Matemáticas e en Física, o 20% no Grao de Robótica e o 13,17 % no Grao en Enxeñería Informática, por mencionar uns exemplos. A persistencia deste reparto desigual no só prexudica ás mulleres, reducindo ás súas oportunidades de traballo e de participación nos avances e decisións do futuro tecnolóxico, senón que afecta aos resultados das investigacións, a innovación e polo tanto á sociedade.
Para poñerlle fin, a sexta edición da actividade ofrece once obradoiros en liña de temática variada arredor da física, as matemáticas, a computación, a química ou a óptica que achegan de forma divertida estas disciplinas ao alumnado de primaria, e amosan as contribucións das mulleres nestas áreas. Impartidos por investigadoras e docentes da USC e o CESGA, compleméntanse con outra documentación tamén dispoñible na web da actividade que inclúe referencias a contos e relatos de mulleres que contribuíron ao avance da ciencia e a tecnoloxía.
A proposta didáctica deste ano componse dos cursos Coas mates pódense gardar segredos, impartido por Elena Vázquez Abal, profesora da Área de Xeometría e Topoloxía da USC; Física Divertida, da man das profesoras Mª José Pérez Comuñas e Encina Calvo Iglesias, da Área de Física Aplicada da USC; O pensamento computacional sen tecnoloxía e A enxeñaría e a ciencia, ambos os dous impartidos pola profesora da Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e investigadora do CITIUS, Eva Cernadas; AstrónomAs, outro universo por coñecer, coa profesora de Astronomía da USC e investigadora do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, Josefina Ling Ling; Xogando coa luz, impartido polas profesoras e investigadoras Maite Flores, María Aymerich e Carmen Bao da Área de Óptica da USC; Luz, cor e sombra, coas docentes Elena López Lago e Dolores Mouriz Cereijo da mesma área; A maxia que hai detrás da Física, da man de María José Gómez Calero, investigadora do Insituto Galego de Física de Altas Enerxías; Só facemos química cando imos ao laboratorio?, coas docentes Mª Raquel Domínguez González do Departamento de Química Analítica e Ana Mª García Deibe do Departamento de Química Inorgánica da USC; e Computando cunha soa man, con Cecilia Grela, Natalia Costas Lago e M. José Rodríguez Malmierca, investigadoras do CESGA.
Para participar no programa, as persoas responsables dos centros de ensino interesados deberán cumprimentar un formulario de contacto que está dispoñible no portal unhaencadacole.gal